Amigus
As Pontes

ESTE VENRES OS PONTESES HOMENAXEAN A DON ENRIQUE RIVERA ROUCO, O CURA DOS CHAOS

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O que durante máis de vinte fora cronista oficial do Concello de As Pontes, Don Enrique Rivera Rouco, popularmente coñecido polo apelativo cariñoso de O Cura dos Chaos, recibirá unha máis que merecida homenaxe por parte dos ponteses. O actos serán este venres a partir das oito e media da noite (20,30) na biblioteca municipal coa colocación dunha placa co seu nome, pois a partir desta data a biblioteca coñecerase co nome de Don Enrique.
Media hora despois, na Casa Dopeso, será a presentación da edición en facsímile do seu libro “Historia de Puentes de García Rodríguez”, publicado no ano 1976. Unha obra que, a pesar dos anos, segue a ser un referente na historia pontesa e unha das máis consultadas na biblioteca municipal.
Trátase dunha obra monográfica na que se reseña a historia, a cultura e as tradicións deste pobo, tan pouco coñecidas polos seus habitantes. Pois naqueles anos ninguén sabía que o nome da vila viña do conde García Rodríguez de Valcárcel, que os celtas foron os primeiros poboadores deste val, que o primeiro coche chegou no ano 1920, que a primeira bicicleta mercouna José Tojeiro no ano 1900, etc.
Este importante labor de investigación cultural e histórica serviulle para que o concello de As Pontes o nomeara Cronista Oficial da Vila o 4 de decembro de 1981.
Cartaz_Cura_dos_Chaos.jpg


De familia campesiña, nacera Don Enrique no lugar dos Chaos o 27 de xaneiro de 1938, en plena guerra civil. Foi o segundo de catro fillos que tivo o matrimonio formado por Jesús Rivera Cal e Cándida Rouco Corral. Ingresou ós catorce anos no seminario de Vilanova de Lourenzá rematando os seus estudos en 1963. Logo de ser ordenado sacerdote pasa ás parroquias do Freixo e Somede e despois á de Lousada. Durante moitos anos foi coadxutor da parroquia de As Pontes e á xubilación de Luis Villamarín en 1984 todo o mundo pensaba que sería o párroco titular das Pontes. Non foi así, e rematou a súa andaina sacerdotal como responsable das parroquias de Aparral, Roupar, Freixo e Somede.
Xa nos derradeiros anos, desanimado pola súa delicada saúde, solicitaba a miña colaboración e a doutras persoas interesadas na historia local para continuar a súa tarefa iniciada hai máis de cincuenta anos. Esa é a débeda que temos con Don Enrique. Esa á a nosa tarefa para o futuro. Deixounos Don Enrique o 18 de setembro de 2002 ós 64 anos de idade.
Non cabe dúbida, que Don Enrique, ese pequeno gran home, é merecedor das homenaxes que se lle fixeron en vida e da que se realizará este vindeiro venres. O seu calado, sinxelo e desinteresado labor cultural, o seu carácter de persoa de ben, dun sentido humano e bondadoso, merecen o recoñecemento das institucións e de todo o pobo de As Pontes.
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios