Innovación e Industria lanza o Galinux, un completo sistema operativo libre, gratuíto e en galego

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe en Santiago de Compostela o Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas. Esta iniciativa, promovida polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún), dependente da Consellaría e coordinada coa comunidade galega de software libre, xorde co propósito de dar resposta á crecente demanda de recursos e servizos que tanto por parte da cidadanía, como das empresas e de distintos sectores da administración pública galega, viña manifestándose en torno á demanda recorrente dun escritorio ofimático multimedia en galego.
galinux.png


Nun acto no que tamén participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o conselleiro nacionalista explicou que o seu departamento vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e os estándares abertos en todos os ámbitos da sociedade galega como factor imprescindible para o establecemento dun modelo sustentable de desenvolvemento económico e social baseado nas TIC, así como para o avance cara á independencia tecnolóxica, tal e como se recolle no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
Fernando Blanco engadiu que a promoción do software libre no país é unha oportunidade no actual escenario de crise económica xa que implica apostar pola innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e potencia o sector TIC. O titular de Innovación e Industria indicou que o seu departamento está a achegar entre os anos 2008 e 2009 un volume total de recursos de 2,3 millóns de euros para as diferentes iniciativas de software libre vehiculizadas a través de Mancomún e da creación das 3 oficinas universitarias.
O conselleiro ofreceu tamén os datos estatísticos que constatan os bos resultados das políticas desenvolvidas neste ámbito de actuación. Así, segundo os datos do INE do pasado mes de outubro, Galiza é líder no Estado na implantación de sofware libre nos sistemas operativos das PEMES (cun 8,2% fronte ao 7,8% de media no Estado). Os datos dos que dispón pola súa banda o Observatorio Galego da Sociedade da Información indican que un terzo das PEMES galegas dispoñen dalgún tipo de software libre, cun incremento do 48% no último ano e máis que triplicando os valores respecto a 2006. Cómpre salientar ademais que este avance estase a producir sobre todo nas pequenas empresas, aquelas que teñen entre 10 e 49 traballadores, o cal indica que o segmento evoluciona positivamente e é quen de seguir a implantación conseguida nas empresas de maior tamaño.
Canles de distribución
Innovación e Industria acompaña o lanzamento do Galinux con toda unha serie de medidas para fomentar o seu uso, integradas dentro dos cometidos asignados ao Centro de Referencia e Servizos (Mancomún). Así, ademais da descarga habilitada dende a web de Mancomún (http://galinux.mancomun.org), distribuiranse 5.000 unidades do novo sistema operativo, das cales 2.500 serán entregadas a través de preto de 100 puntos como son os centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, as asociacións e as oficinas universitarias de software libre.
Co Galinux toda a cidadanía disporá dun contorno de escritorio fiable, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución de Linux, nomeada Ubuntu, poderán recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para manter o equipo ao día. Dada a configuración do Galinux non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das súas vantaxes básicas, ademais de que permite ser probado no computador sen modificación algunha.
Galinux é un sistema operativo completo en galego baseado en Ubuntu; ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, aplicación de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.
O resultado dunha innovación galega
Dende o punto de vista da persoa que emprega Galinux, trátase dun sistema operativo completo en galego de fácil uso e sen maiores complexidades; mais dende o punto de vista técnico, Galinux é o resultado dunha innovación tecnolóxica que xurdiu dun traballo de prototipado realizado polo persoal de Mancomún pertencente ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA): o AraOS.
Tecnicamente, o AraOS é un metapaquete que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego. Isto posibilita unha metodoloxía que permite a creación a un baixo custe de adaptacións específicas para cubrir necesidades moi diversas, facilitando o fornecemento de solucións ad-hoc para sectores específicos como hostalería, micropemes, comercios, educación, sanidade ou aulas informáticas. O proprio Galinux é unha adaptación deste metapaquete, que tamén serviu de base para as instalacións das dúas oficinas informáticas completamente libres da Dirección Xeral: a da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a da Oficina Técnica do PEGSI.
O nome procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o Arao (Uria Aalgae) coas siglas OS (Operative System, ou Sistema Operativo), seguindo a tradición da comunidade do software libre que identifica o Linux cun destes animais.
Fonte: mancomun.org

También podría gustarte
Comentarios