Luns 23, concentración pola mellora da sanidade en As Pontes

A plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes convoca unha nova concentración para o luns 23 de outubro, dende as 9.00 ata as 11.00, en reclamación dunha sanidade pública e de calidade en As Pontes.

Nos últimos días esta plataforma veciñal tivo coñecemento de que dende o Concello se celebrou unha xuntanza co responsable da xerencia da área sanitaria de Ferrol. Nesta reunión, o xerente asumiu que existen graves deficiencias no centro de saúde local e ofreceu solución para algunhas delas:

• a dotación dunha praza definitiva de pediatría
• a renovación dun ecógrafo
• a mellora da pranta baixa do centro de saúde para rehabilitación e fisioterapia.

Dende Xunt@s por As Pontes cremos que as solucións propostas pola xerencia territorial son insuficientes, pois:

• Había e son necesarias 2 prazas de pediatría, e só se dota unha. Tampouco se fala en ningún momento de incluir un pediatra no servizo de urxencias.
• Non se repón a praza de xinecoloxía.
• Non se establece o servizo de radioloxía
• Non se soluciona o problema das listas de agarda, segue sendo superior aos 8 días para consulta e superior ao mes para analítica.
• Non se ofrecen solucións para mellorar a atención a domicilio.

En definitiva, non se dota o centro de saúde de As Pontes cos recursos humanos e técnicos necesarios para atender en condicións de óptimas e cun mínimo de rigor e calidade aos pacientes.

A raíz da concentración do pasado luns e da recollida de firmas, sumáronse novas queixas veciñais en relación con deficiencias na atención noutros servizos, como por exemplo o de farmacia: moitas persoas teñen que desprazarse ata Ferrol para ir a recoller alí medicamentos necesarios para as súas enfermidades crónicas; menciñas que o farmacéutico do centro de saúde local podería suministrar no propio centro.

O Xerente Territorial excúsase dicindo que “non ten constancia de deficiencias nestes servizos”. É dicir, como non constan reclamacións, presupón que os servizos funcionan de xeito correcto. Por isto, seguimos animando a toda a veciñanza a presentar reclamacións no Punto de Atención ao Paciente por cada vez que se demoran as citas, que non se recibe unha atención axeitada, que faltan médicos, que non se presta o servizo de forma adecuada, que falta o pediatra, que non se suministran as menciñas no propio centro de saúde, etc.

Animamos tamén a todos os veciños e veciñas de As Pontes a participar nas mobilizacións, especialmente na concentración do vindeiro luns día 23 de outubro que terá lugar entre as 9.00 e as 11.00 da mañá. Lembramos que se pode asinar en reclamación de melloras para o centro de saúde ata o día 1 de novembro. As follas poden atoparse no propio centro de saúde e en diversos establecementos comerciais locais.

A sanidade é un servizo esencial e básico que nos afecta a todas. Non podemos permitir que nos recorten os nosos dereitos.

También podría gustarte
Comentarios