NESTE 2012 CÚMPRENSE VINTE ANOS DO MAIOR LOGRO DO CLUB DEPORTIVO AS PONTES

Antes de que remate o ano 2012, despois da sufrida resolución da tempada pasada e aproveitando a situación máis ou menos cómoda na que se atopa o primeiro equipo pontés nesta nova andaina 2012/13, aínda que queda moito traballo e camiño por diante, quixemos aproveitar para recordar a que foi, obxectivamente, a tempada na que o noso Club acadou o seu maior logro, a de 1991/92, na que disputou a fase de ascenso á División de Prata do fútbol español.
Se ben, nos últimos tempos puidemos disfrutar tamén doutro fito histórico como foi o ascenso no ano 2007 á División de Honra do equipo xuvenil dirixido por Calpita.
O equipo pontés xogou nove anos na Segunda División B, en dúas etapas, seis tempadas entre 1987 e 1993 e tres entre 1995 e 1998.
Sendo presidido o Club polo tristemente desaparecido Tino Parajón, dirixían ó plantel o ourensán Luis Rodríguez Vaz, e o ex porteiro do club, Rebolo, que se acababa de retirar, como segundo adestrador, sendo delegado Pena. Compoñían o plantel, Carou, Zapata e Picos como porteiros, Quique, Carlos, Salido, Suso, Alberto e Ismael como defensas, Fernández, Nando, Alfredo, Ramón, Ángel e Ramiro como mediocampistas, e Alfonso, Juan Luis, Pradera e Quico como dianteiros.
endesa-aspontes_1991-92.jpg


Tras conseguir gañar ó Pontevedra na derradeira xornada no Campo do Poboado por 4-2, o As Pontes remataba cuarto clasificado, a última das prazas que daban opción de xogar a fase de ascenso, con 45 puntos, por detrás de Salamanca (53), Lugo (48) e Sporting de Gijón B (47). O cadro azul quedaba por diante dos seus principais perseguidores, Ourense e Cultural Leonesa con 44 puntos e Ximnástica de Torrelavega con 42. Importantes vitorias logrou o equipo pontés nese ano, que hoxe en día son aínda máis valoradas, ante o Numancia de Soria, Logroñés, Fabril, Valladolid B, Oviedo B, Pontevedra ou Ourense, entre outros, nunha Liga que resultou ser moi igualada. De feito, dende o 4º posto do As Pontes, ata o 17º posto do Lalín, o primeiro dos conxuntos descendidos, apenas houbo once puntos de diferenza, e deuse a curiosa circunstancia de que o As Pontes foi o equipo con maior número de empates, nin máis nin menos que 17.
Unha vez concluído o campionato regular de liga, e máis como un premio que coas gañas de ascender á Segunda División -que supoñía un elevado custe participar nesa categoría- disputou o As Pontes a fase de ascenso contra o Atlético Marbella andaluz, o Manlleu catalán e o Yeclano murciano, fase na que ó final resultaría vencedor e ascendido o cadro marbellí, subindo tamén de categoría o Lugo, o Villarreal e o Badaxoz. O As Pontes so puido conseguir dous empates nos seis encontros que disputou, pero viviu unha experiencia única e que se antolla irrepetible no Club pontés.
Tamén no verán dese mesmo ano 1992 o club pontés impúxose no histórico Trofeo Concepción Arenal ó vencer nos penaltis ó Racing de Ferrol.
No referente ás categorías inferiores logrouse nesa tempada 1991/92 a liga alevín e tamén seis subcampionatos nin máis nin menos, dous de liga (cadete e infantil) e catro de copa, (segundo equipo, cadete, infantil e alevín).
endesa-aspontes_1991-92_escudo.jpgNo cadro dirixido por Luis Rodríguez Vaz, na portería estaba o gran gardameta Carou, que precisamente a metade de tempada, e dada a súa valía, foi fichado polo Rayo Vallecano de Primeira División. Tamén xogou no Valladolid, na Liga estadounidense (Metrostars Nova York e Long Island Rough Riders) e no Chaves en Portugal, finalizando a súa carreira no Atlético Arteixo. Trala súa marcha, o seu lugar ocupouno Zapata, que anteriormente xogara no Real Avilés e no Real Burgos, en Segunda División. Tamén formaba parte do plantel o canteirán Picos. No seu paso polos equipos de base destacan dous subcampionatos de Copa co segundo equipo pontés.
En defensa estaba o gran central Quique, pai do actual xogador do Wigan Athletic, Adrián López, que chegou procedente do Lugo, tamén na Segunda División B, e rematou a súa carreira deportiva no clube pontés tras nove temporadas. Persoa de bo trato, podémolo ver nos moitos partidos que hai as fins de semana no campo do Poboado. O tamén bo central Javi Salido, formado na canteira do Leganés, chegado ó noso club procedente do Teruel, que xogou durante 15 anos no equipo azul, entre 1989 e 2004. A día de hoxe todos coñecemos a Javi, persoa tranquila e afable, que casou cunha pontesa, ten dous fillos na canteira azul, adestra o equipo feminino do As Pontes e xoga na Liga de Veteranos da localidade pontesa. O espigado central Carlos formouse na canteira do Deportivo, pasou polo Fabril, e chegou a formar parte do primeiro plantel deportivista durante tres temporadas, tamén estivo no Granada antes de recalar no As Pontes. Outros tres defensas moi novos formaban parte dese plantel pontés, Alberto, que estivo na canteira do PSV Eindhoven e do Deportivo antes de vir para o equipo azul. Despois de xogar na Cultural Leonesa e na Balompédica Linense, chegou Ismael, e tamén era a segunda tempada de Suso, procedente do Fabril Deportivo.
No medio do campo estaba o gran Nando, ferrolán formado no Racing de Ferrol, que foi medalla de bronce no Campionato de Europa Xuvenil “Hungría 1976” coa selección española. Xogou moitos anos no Elche en Segunda División e tamén no Real Avilés antes de rematar a súa carreira no Endesa As Pontes; e se hoxe temos ó mestre Bossa como lanzador de faltas e de xogadas de estratexia, Nando foi todo un xenio nesta especialidade na súa época e os afeccionados gardan nas súas retinas como se non pasase o tempo o seu magnífico golpeo de balón. Como dato histórico, un lémbrase dos tres goles que marcou ó Real Oviedo B (1-3) no Carlos Tartiere o 20 de novembro de 1988 despois de ver o Oviedo-Barcelona (1-2) de Primeira División.
O pequeno gran mediocentro Ramiro, pulmón na medular, que xogou no Fabril, Lugo e Pontevedra ademais de sete tempadas no As Pontes. Da canteira deportivista tamén procedían Alfredo e Ramón.
Dous ponteses completaban o centro do campo, Fernández, que comezou a xogar ó fútbol en Francia e estivo once tempadas no cadro azul. Hoxe en día xoga na Liga de Veteranos. Ángel Fontao xogou nove tempadas no cadro pontés tras formarse nos equipos de base, nos que gañou dúas ligas e unha copa na súa etapa xuvenil. Tristemente falecido en 2006 tras un accidente de moto á idade de 35 anos, era curmán do ex xogador e actual segundo adestrador do CD As Pontes, Jose Luis Fontao.
Na dianteira estaba a gran revelación da tempada, o xove dianteiro viveirense Quico Rey, que na súa traxectoria futbolística estivo na canteira do Real Madrid, tamén no Lugo, Racing de Ferrol, Ourense, chegando a xogar en Segunda División no Almería, Eibar e Logroñés, incluso en Primeira División nas filas da UD Salamanca, co que disputou 25 encontros na máxima categoría. Quico marcou 16 goles nesa tempada 1991/92 e foi o xogador que máis partidos oficiais disputou, 49 en total, so se perdeu un.
Tamén formaban parte da liña atacante, o miúdo gran dianteiro leonés Alfonso, que estivo once anos no equipo pontés e deixou unha gran pegada, sendo aínda hoxe moi recordado e querido pola afección pontesa. Na súa traxectoria futbolística tamén xogou no Deportivo, Elche, Castilla, Racing de Ferrol e Cultural Leonesa. Completaban a dianteira o vasco Iñaki Pradera, que antes de chegar ó Endesa-As Pontes pasara polo Real Oviedo, Zamora, Baskonia, Eibar e Lugo, e o xove Juan Luis, formado na canteira do Almería e do Deportivo da Coruña, e que a día de hoxe aínda segue facendo deporte con certo éxito, concretamente no mundo do golf.
Con este artigo non se pretende desmerecer a valía de todos e cada un dos planteis que formaron parte da historia deste xa cincuentenario Club noso. Simplemente trátase dunha modesta e humilde homenaxe na que se quere reflictir a que foi a maior meta xamais alcanzada polo noso equipo e que quedará gravada con letras de ouro na memoria dos afeccionados durante moito tempo.
Tempo haberá para falar noutra ocasión do histórico Calvo Sotelo coa súa copa de Galicia de 1968, dos seus títulos da Serie A Rexional (hoxe Preferente) e os dous ascensos á Terceira División nunha época moi distinta á de hoxe en día. Tamén lembraremos os dous títulos de liga de Terceira División xa co nome de CD Endesa As Pontes e os ascensos á Segunda División B, así como os éxitos deportivos acadados nas últimas tempadas. Pero, nesta ocasión tocaba ese vinte aniversario do fito histórico máis importante do Club Deportivo As Pontes.
endesa_1.gif

CAMPIONATO DE LIGA DE SEGUNDA DIVISIÓN “B” (Grupo 1º)

endesa3.gif
endesa2.gif
ESTADÍSTICAS PLANTEL C.D. ENDESA AS PONTES 1991-92

endesa4.gif
* Tres dos goles anotados polo As Pontes foron en propia meta.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios