As Pontes ten sona de ser un pobo industrial, a historia dos últimos 70 anos parece confirmalo, e a presenza da central térmica -con moito menos emprego directo que hai anos- tamén axuda a esta imaxe, pero é hoxe isto unha realidade?; ou dito doutro xeito, somos un pobo máis industrial que, por exemplo, Vilalba que ten sona de ser un pobo que só vive do rural?.
A comparación, segundo datos oficiais e públicos, é de interese por dous motivos: pola proximidade das dúas localidades, que permite a calquera persoa comprobar as diferenzas cunha simple visita a Vilalba, e pola repetida desculpa do goberno do Psoe da crise económica como argumento para non facer nada en materia industrial, crise que, supoñemos, tamén terá afectado a Vilalba.
Os datos son evidentes: dende que goberna o Psoe nas Pontes a perda de poboación foi case que o dobre que en Vilalba, e no ano 2017 fixeron 2.000 contratos laborais máis que nas Pontes; a diferenza é abrasadora, por suposto tamén en Vilalba gañan por goleada en contratos indefinidos.
Polígonos Industriais en Vilalba e nas Pontes
O Concello de Vilalba xa está tramitando a ampliación do seu polígono industrial en 300.000 m2 máis. Calquera veciño/a das Pontes pode darse unha volta polo polígono e comprobará a actividade que alí se desenvolve e, de ser o caso, poderá ver mocidade das Pontes traballando en Vilalba.
Nas Pontes só temos dispoñibles 15.000 m2 en Penapurreira -os mesmos que cando Valentín chegou á Alcaldía-, ademais de naves sen actividade.
Poderíamos poñer outros exemplos, como o de Muras, que ven de duplicar a súa superficie industrial.
A crise é a mesma e as infraestruturas son semellantes, outra cousa son as prioridades políticas.
Namentres nós perdemos co paso do tempo, outros miran de avanzar, non só en industria, tamén en servizos: fan Residencias de Maiores, e nós facemos un circuíto de kars ou subvencionamos moi xenerosamente a unha equipa de fútbol. Nas Pontes, Valentín apostou polas festas, a propaganda e a súa particular promoción.