Nota de prensa: POSICIÓN DE XUNT@S POR AS PONTES NA CONCESIÓN DA SUBVENCIÓN NOMINATIVA AO CD AS PONTES

Esta mañá celebrouse un Pleno Extraordinario e Urxente para, entre outros asuntos, aprobar a concesión dunha subvención nominativa por importe de 200.000 euros ao Clube Deportivo As Pontes.

Dende Xunt@s por As Pontes, e como vimos reiterando nos últimos anos, o noso voto foi en contra polos seguintes motivos:

  • Non se xustifica o financiamento do 100% da actividade.
  • O clube opta a outras liñas de subvencións, cotas dos socios e patrocinadores privados (consulta o convenio)
  • O informe do técnico de deporte é desfavorable (consulta aquí)
  • O informe de Intervención é desfavorable, con reparos (consulta aquí)
  • Existe unha LIÑA DE CONCORRENCIA COMPETITIVA PARA DEPORTES, aberta á participación de todas as entidades deportivas locais, á que se accede en condicións de IGUALDADE.
  • Non se desglosan os gastos para saber o que realmente se inviste no fútbol formativo, nos nenos e nenas de base (consulta aquí e aquí)
  • Destínanse 102 000 € do total do importe da subvención para dietas e desprazamentos dos xogadores, é dicir, para salarios do primeiro equipo. (consulta aquí)

Votamos en contra desta subvención por existir unha liña de subvencións de concorrencia competitiva á que poderían optar como o resto de clubes deportivos da vila. Non é xusto para os demáis nenos e nenas do Concello que se promocione un deporte por encima doutro. Todos os nenos e nenas deben ter as mesmas oportunidades para practicar o deporte que lles guste, sempre e cando exista esa opción na nosa localidade.

En canto ás declaracións da Alcaldesa en funcións sobre o feito de que o que se está promocionando é o deporte de base, reiteramos a nosa disconformidade. Non se promociona o deporte de base cando máis da metade da subvención se dedica a pagar salarios (dietas e desprazamentos) dos xogadores do primeiro equipo. Xogadores que non son de As Pontes, senón de lugares tan dispares como Fisterra, Agolada, Noia, Navia, Viveiro, Lugo ou Cambre (por poñer tan só uns exemplos). Se se quere lograr a promoción do deporte de base, o lóxico será que os xogadores e xogadoras dos primeiros equipos procedan dos equipos inferiores do propio club, cando menos, na súa maioría.

O interese do goberno local pola formación e a promoción deportiva dos nenos e nenas da vila é encomiable, mais tamén se deben de centrar na súa educación. Vimos de coñecer que as matriculacións nos Ciclos Medios no IES Castro da Uz para este curso 2018-2019 ata o momento só contan con 2 alumnos en Sistemas Microinformáticos e 1 en Electromecánica de vehículos. En canto ao Ciclo Superior de Mantemento Electrónico, tan só hai 2 prazas ocupadas. Se non se consegue a matriculación de máis alumnos, a Xunta quitará a impartición destas modalidades formativas na nosa localidade.

Qué futuro queremos para a nosa vila?

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios