Nota de prensa XPAP: A alarmante situación do persoal do 061 de As Pontes, ao Parlamento de Galicia
Na tarde de onte, a Deputada de En Marea Flora Miranda Pena achegouse ata As Pontes para coñecer de primeira man a situación na que se atopa o persoal de emerxencias sanitarias do 061.
As instalacións nas que teñen a súa base, no propio centro de saúde pontés, son moi deficitarias. Ás pingueiras no cuarto (que “solucionaron” colocando unha lona no falso teito) e ao desprendemento do alicatado no aseo súmase a precaria situación na que convive o persoal: unha única habitación compartida na que descansan, fan as comidas, e teñen a súa base de traballo; o aseo e vestiario, compartido tamén para mulleres e homes, impídelles a intimidade necesaria.
A esta situación, engádese a precariedade do material do que dispoñen: a ambulancia ten carencias e precisa arranxos urxentes. Ademáis, a empresa non lles repón a roupa de traballo nin se fai cargo da súa limpeza (todo o material sanitario debe lavarse nunhas condicións determinadas, pois están en contacto con doentes graves); tampouco lles deixa tempo para esterilizar o vehículo entre traslado e traslado e vense obrigados a levar a varios usuarios ao tempo, por exemplo, nos traslados a oncoloxía.
Por outra banda, as conxelacións salariais, o non recoñecemento da situación profesional nos contratos, a non concesión dos días de asuntos propios e a carencia de perosal son algúns exemplos da precariedade laboral á que se ven sometidos.
A Deputada de En Marea recolleu todas as súas demandas e presentará iniciativas no Parlamento de Galicia nos vindeiros días.
Na mesa redonda de debate que se celebrou a continuación, participaron as representantes da plataforma en defensa do servizo de pediatría nos Concellos de San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido, recentemente retirado. Máis de 300 crianzas quedaron sen a atención pediátrica que viñan tendo, reducindo a continuidade asistencial e a dispoñibilidade de itinerancia nas Somozas, Cerdido e Moeche.
Pola súa parte, o médico de familia e activista de SOS Sanidade Pública, Ramón Veras Castro, apuntou unha serie de medidas que é posible levar a cabo dende os Concellos para promover a saúde na veciñanza e paliar os efectos dalgunhas enfermidades. No vindeiro pleno ordinario, dende Xuntas por As Pontes presentaremos unha moción na que se recollerán algunhas destas iniciativas para que se materialicen na nosa localidade.
As Pontes, 20 de febreiro do 2019
Máis información en www.xuntosporaspontes.com