Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes e Libera! denuncian a instalación dun circo con animais na nosa vila

Esta fin de semana instalouse no noso municipio un espectáculo circense que ofreceu varias funcións empregando os animais como reclamo. Entre eles, cóntanse dous dromedarios, unha chama e un burro.

Numerosos veciños e veciñas achegáronse a esta plataforma para denunciar a instalación dun circo con animais na nosa vila. O circo, que se situou nos terreos da Canle IV próximos ao Heliporto, conta con animais de varias especies, entre eles: dous dromedarios, unha chama, un burro, unha cabra montesa.

Durante a fin de semana, celebráronse varias funcións nas que se empregaban os animais como reclamo e obxecto do espectáculo. Estas funcións anunciáronse por toda a vila empregando sistema de megafonía.

O Concello de As Pontes, permitindo a instalación deste espectáculo, incumpre unha vez máis a moción aprobada no pleno ordinario do 2 de marzo do 2016, que declaraba As Pontes vila libre de circos con animais, e na que figuraban os seguintes acordos:

“1.- Que o Concello de As Pontes non autorice nen promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal.
2.- Declarar o Concello de As Pontes Vila libre de circos con animais.
3.- Que o Concello de As Pontes non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal”.

Ao longo desta mañá, os nosos concelleiros en colaboración coa Asociación Animalista Libera!, puxéronse en contacto co Concelleiro responsable e coa policía local, alertando da situación e do incumprimento da moción aprobada.

Fontes do concello informaron a esta plataforma de que os responsables do referido espectáculo NON solicitaron permiso de xeito formal para a súa instalación. Tendo no seu coñecemento esta información, dende o Concello NON se actuou de oficio para adoptar as medidas oportunas nin esixir as responsabilidades pertinentes.

O Concello de As Pontes, unha vez máis coa súa desidia, permite a instalación dun circo con animais na nosa vila. Se ben parece ser que non autorizou de xeito formal a súa instalación, sí promoveu e amparou o espectáculo, facilitándolle un lugar no que colocarse e permitíndolle a publicidade e realización efectiva dos espectáculos con animais.

Dende Xunt@s por As Pontes amosamos o noso rexeitamento, unha vez máis, aos espectáculos que empregan os animais como reclamo, en concreto o noso rexeitamento á instalación destes circos no noso municipio.

Reclamamos, deste xeito, o cumprimento da moción aprobada no Pleno Ordinario de marzo do 2016 e esixímoslle ao Concello de As Pontes que non volva a vulnerar os acordos adoptados no Pleno Municipal e proceda de inmediato a esixir as responsabilidades oportunas.

Pola súa banda, a Asociación Animalista Libera! ven de presentar unha denuncia ante a Policía Municipal. Nas verbas do seu responsable, Rubén Pérez Sueiras, “Atopámonos ante un feito moi grave, a apertura de actividades sen licencia do Concello, o que puido poñer en risco a seguridade do público e do conxunto da cidadanía. Que sucedería se, de repente, racha a carpa e deixa feridas ás persoas?” Engadindo que “Dende LIBERA! xa trasladamos unha denuncia polo incumprimento grave da normativa autonómica sobre espectáculos públicos, solicitando a apertura do preceptivo expediente sancionador á empresa circense”.

También podría gustarte
Comentarios