Nota de prensa Xuntos por As Pontes: Xunt@s por As Pontes co dereito a decidir
A plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes fai pública a súa preocupación pola gravidade da situación vivida en Cataluña, onde se atopan en risco os dereitos e as liberdades fundamentais, e amosa o seu apoio público ao pobo catalán e ao dereito a decidir dos pobos.
Nas últimas semanas vemos con perplexidade cómo están acontecendo feitos gravísimos, sen precedentes na democracia española, ante os que non podemos quedar caladas.
A vulneración dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución é flagrante: estes días comprobamos cómo o goberno do PP no Estado se dedica a ameazar de detención a 700 alcaldes e alcaldesas, a pechar webs gobernamentais e de entidades da sociedade civil, a usar os medios de comunicación no seu beneficio impedindo que se emitan informacións obxectivas, á detención de altos cargos do goberno catalán, a interrogar e intimidar aos directores dos centros escolares, á aplicación do 155 pola porta de atrais, co envío masivo de forzas policiais e a intervención das finanzas; todo co obxectivo de impedir que este domingo a cidadanía de Cataluña poida votar no referéndum.
Limitacións de dereitos fundamentais que non afectan só ao pobo catalán, senon que afectan ao conxunto de habitantes do Estado, pois a represión e o ataque á liberdade de expresión e de reunión vívense en todo o territorio. Non hai máis que recordar o acto de Zaragoza da fin de semana, a denegación de debates públicos en Madrid ou o interrogatorio de onte en Ferrol ás persoas que están organizando unha manifestación para este sábado en Compostela a prol do dereito a decidir.
Estamos convencidas de que ningunha destas medidas represivas do Estado Español contribuirá a solucionar o conflicto catalán, un conflicto político que so pode ser resolto por vías políticas; pola contra, a súa aplicación está supoñendo un incremento da tensión social, está producindo unha fracturación da sociedade catalá e española, e está bloqueando a posibilidade de atopar unha solución dialogada ao conflicto.
Os movementos sociais non se poden reprimir pola forza, non se pode ir contra do sentir de milleiros de cataláns e catalás que o vindeiro domingo queren manifestar a súa opinión sobre un tema fundamental para eles como pobo: o dereito a decidir o seu futuro.
Trátase dunha loita pola democracia que vai moito máis alá de cuestións identitarias, trátase de exercer os dereitos que lles corresponden como pobo en liberdade, trátase de milleiros de cidadáns e cidadás sen medo que queren expresar a súa opinión de forma cívica e pacífica.
A nosa admiración ao pobo catalán, dende sempre moi involucrado nos movementos sociais e o activismo político, cunha política social de rúa de moito nivel tanto nas cidades coma nos municipios máis pequenos. A implicación da cidadanía catalá nos asuntos que lles afectan é todo un exemplo a seguir que nos está dando unha lección a todas coa súa capacidade de organización e mobilización pacíficas e de defensa dos dereitos e liberdades conqueridos ata o momento, recordamos, froito de loitas anteriores.
O noso rexeitamento e denuncia da actitude autoritaria do goberno do Estado, que empregou os recursos públicos (tribunais, policía, facenda, etc) para impedir o dereito a decidir do pobo catalán. Un dereito que lle corresponde como pobo e garantido tanto pola constitución coma polas normas internacionais.
A nosa aposta clara pola democracia e o diálogo.
As Pontes, 28 de setembro de 2017
Xunt@s por As Pontes
Máis información en http://www.xuntosporaspontes.com