Nota de prensa: Xunt@s por As Pontes denuncia o retraso que se está a sufrir nas obras de construcción do novo acceso á vila
No mes de febreiro coñeciamos unha resolución da Xunta na que se anunciaba o peche ao tráfico da AC-861 por mor das obras de remodelación da central, resolución que inducía a engano e daba a entender á veciñanza que o primeiro tramo do novo acceso estaría listo nuns cinco meses.
Dato que xa denunciamos no seu momento, pois non especificaba cándo comezarían as obras.
Pois ben, case catro meses despois, o Consello da Xunta aprobaba no día de onte (31 de maio) outra resolución pola que:
- Declara a utilidade pública do proxecto, o que implica o inicio do procedemento expropiatorio. É dicir, ata que os propietarios perciban a correspondente indemnización ou xustiprezo non poden comezar as obras. E para chegar a ese punto, faltan unha serie de trámites (exposición pública, presentación e resolución de alegacións, etc).
- -Recoñece que NON se comezou co proceso de licitación das obras, o que se fará nas vindeiras semanas (de novo, sen especificar cando).
Co verán ás portas, o mes de agosto inhábil na Administración e a complexidade de ambos procesos (expropiación e licitación), podemos prever que as obras non comezarán, sendo moi positivas, ata finais do 2018.
Dende Xunt@s por As Pontes preferimos transmitir unha información veraz, aínda que non sexa moi alentadora, a seguir o xogo de engano á poboación que se leva a cabo dende o goberno do PP na Xunta.
As Pontes, 1 de xuño de 2018
Máis información en http://www.xuntosporaspontes.com