Nota de prensa: Galiza Nova de Ferrolterra

Desde Galiza Nova queremos pór en coñecemento da mocidade da comarca do Eume a actual situación dos ríos Eume e Chamoselo, da súa morte.
Non somos capaces de entender o pasotismo dos concellos afectados nin o escurantismo que se está crear; a falta de información sobre o que acontece nos nosos ríos. En definitiva, estase a ocultar o desastre ecolóxico que está a ocorrer en As Pontes e que afecta negativamente a tódolos concellos situados ao marxe do Eume.
Uns análises feitos en diferentes partes do río a instancias do grupo de goberno do BNG de As Pontes en maio do 2007, deron como resultado a sospeita de contaminación das augas do río Chamoselo.


Ditas análises chegaron ao Concello de As Pontes tras o cambio de goberno, e foron remitidos á Consellaría de Medio Ambiente (PSOE), polo actual grupo de goberno da vila (PSOE), sen ter máis novas ao respecto até a aparición dos reos mortos na zona baixa do río Eume, en Pontedeume, coa conseguinte denuncia da Sociedade de Pescadores de Caaveiro, aló polo 15 de xuño de 2008. A partires desa denuncia van aparecendo novas na prensa dos diarios da comarca que nun primeiro momento desminten calquer relación entre as obras da autovía e o desastre para, 20 días despois, darlle a volta e afirmar que nese problema fica a causa da mortalidade do río, causando a baixada do PH até límites que provocan a non potabilidade da auga para o consumo humano e a morte dos peixes.
Unhas análises feitas por un grupo de pescadores mostran como dende a confluencia do río Chamoselo co Eume, o PH oscila dende 3.4 até 5.0 na cola do pantano e 4.76 no coto de Ombre, cando o normal é preto de 7.0 Compre destacar que o BNG mantivo unha actitude de preocupación neste tema, catalogado como CATÁSTROFE, nos concellos do Eume. Tamén fixo unha pregunta a través do deputado Fernando Blanco no Parlamento de Galiza, na que salientou que hai un informe de hai máis dun ano elaborado por un laboratorio privado sobre a situación do río.
Dende Galiza Nova de As Pontes, Pontedeume e Cabanas non se entende como se puido manter esa actitude de pasividade ante unha situación de degradación dos nosos ríos, constatada por informes en poder da Administración pública, e consideramos que urxe unha acción decidida e inmediata para pór freo aos verquidos continuados nesa zona, así como a esixencia de claridade das administracións locais e galega e a aplicación de solucións urxentes para devolver a vida aos ríos destruídos.
Agardamos tamén que tras esta catástrofe aparezan os responsábeis. Galiza Nova non vai ficar calada; a mocidade do Eume non pode deixar que se xogue co seu futuro. Todos sabemos a importancia económica e medioambiental dos nosos ríos, e loitaremos por ela.
Asdo:
Ángel Meizoso Permuy, Responsábel Local de Galiza Nova en As Pontes
Marcos Loureiro Díaz, Responsábel Local de Galiza Nova en Pontedeume
Iago Varela Martínez, Responsábel Local de Galiza Nova en Cabanas

También podría gustarte
Comentarios