Nota de prensa CIG: Reunión coa Dirección de Endesa-As Pontes sobre os efectos no Centro de Traballo do coñecido como Decreto do Carbón

Consecuencias do Decreto do Carbón, no Centro de As Pontes, segundo a Dirección
Na Térmica de Carbón
Considera a Dirección que Endesa, como empresa no seu conxunto, é a eléctrica do Estado máis prexudicada pola aplicación deste Real Decreto, de feito ten presentado un recurso diante do Tribunal Supremo e prepara outro ante os Tribunais Europeos.
As centrais de carbón importado serán reemprazadas, practicamente na súa totalidade, polas que consumen carbón español; o funcionamento das de carbón importado quedará só para o mercado de restricións técnicas do sistema.
Cando o Real Decreto entre en vigor, a estimación de funcionamento da Central das Pontes será só do 15% da súa capacidade, entre 1.000 e 1.500 Xwh/ano; cando o nivel de produción podería chegar, nun ano normal, ao 10.000 Xwh/ano.
Este ano 2010, a pesares da crise económica que afecta ao consumo, estímase en chegar a unha produción duns 5.000 Xwh/ano, no entorno do 45% ou o 50% da capacidade de produción.
Neste senso, o consumo de carbón previsto para este 15% da capacidade de produción, será dunhas 750.000 Tm de carbón importado; cando nun ano normal este consumo debera ser de entre 4 ou 5 Millóns de Toneladas.
Na de Ciclo Combinado
Sobre esta Central non teñen datos tan concretos, mais supoñen que terá menos carga de traballo que na actualidade.
Adaptación á Directiva de Grandes Instalacións de Combustión (pregunta realizada pola CIG)
Esta Directiva que será de aplicación neste Centro de Traballo, entra en vigor no ano 2016, mais previamente é necesario realizar importantes investimentos na instalación, que deben estar decididos antes do 1 de xaneiro de 2014. Neste senso, a Dirección afirma que, agora mesmo, non hai aínda ningunha decisión tomada en firme.
Laboral
Afirma que de momento están avaliando as consecuencias que este Real Decreto vai ter no cadro de persoal e que, previamente a calquera decisión, convocarán á Representación Social para informarlle.
En calquera caso, consideran que teñen instrumentos no marco do Convenio para optimizar e saturar a xornada laboral do persoal propio.
Posición como CIG
Ademais das preguntas previas na reunión, a Sección Sindical da CIG informou da nosa posición contrario a este Real Decreto e das actuacións que estabamos desenvolvendo en varias frontes: xurídico, institucional e social, para mudar esta situación.
Agora ben, nas nosas actuación, de momento, non temos enfronte á Dirección de Endesa, senón ao Goberno do Psoe no Estado; mais se a Dirección da Empresa, aproveitando a situación, pretendese algunha agresión en termos de emprego ou de condicións socio-laborais, tamén estariamos en disposición de respostar como Organización Sindical.
Sección Sindical CIG – ENDESA

También podría gustarte
Comentarios