Nota de prensa BNG: O BNG DENUNCIA DESPEDIMENTOS NAS AUXILIARES DE ENDESA

MAESSA, que chegou a ter máis dun cento de traballadores, vai reducir a súa plantilla á metade pola baixa no contrato coa principal.
Poucos días despois do anunciado e publicitado “acordo” co Ministerio de Industria sobre do decreto do carbón, segundo o que, na opinión do PSOE, non se ía producir perda de emprego, os despedimentos na compañía auxiliar Maessa son quen de descubrir a realidade e a verdade do papel que o Alcalde trouxo de Madrid.


Para o BNG non deixa de ser contraditorio que no ano pasado, nun escenario de inferior producción, Endesa fora quen de manter a situación contratual coa auxiliar, situación que tamén se producía noutras partes do Estado, nas que as instalacións de Endesa estaban paradas.
Namentras, o PSOE e o Alcalde continúan coa súa desenfrenada campaña electoral de inauguracións, actos –con petición de voto-, cartas, anuncios e panfletos pagados polos veciños e veciñas, algúns dos que xa non están a traballar e outros dos que deixarán de facelo nun curto prazo, tratando de xustificar os despedimentos polo remate da transformación, que finalizou en 2009.
O BNG insta ao Alcalde a atender os verdadeiros problemas das Pontes, e a exixir a Endesa e a Maessa o mantemento do emprego, cunha posición de forza xa que temos argumentos. A organización nacionalista tamén alerta aos veciños e ás veciñas sobre da necesidade de opoñer resistencia a ditos comportamentos, de exercer a nosa responsabilidade colectiva, e, polo tanto, de estar preparados para responder acaidamente.
Asemblea Local do BNG das Pontes

También podría gustarte
Comentarios