O grelo fai 25 anos

[RTVi-As Pontes] Vintacinco anos habendo Feira do Grelo constatan que As Pontes segue sendo un municipio vencellado ó campo. Precisamente desta relación naceu no ano 1.980 a primeria festa de exaltación deste producto do agro.


A edición número 25 da Feira do Grelo cae moi cedo, o 6 de Febreiro, unha circunstancia que favorece especialmente ós grelos xa que están no seu mellor momento. Esta é unha das razóns polas que se agarda que este ano se xunten nas Pontes, no marco do concurso de cestas máis dun centro de labregos.
A Feira do Grelo comezará este domingo ás oito da mañá, co concurso de cestas na rúa Ramón Cabanillas, ou, se as condicións climáticas non o permiten, no patio do colexio Santa María. Entre as dez e as once da mañá farase a exposición e cualificación das cestas por parte do xurado, que estará formado por un comerciante, un representante dos consumidores, un representante do Concello, con voz pero sen voto e máis un representante do sector do agro. Ás doce e media da tarde farase a entrega de premios e actuará a Asociación Cultural Alende. A animación musical completarase coas actuacións dos grupos Os Ponteses, Froallo e varias comparsas.
Ás doce do mediodía comezarán a servirse os pratos da degustación de cociño, viño e requeixo con mel do Eume, a un prezo de seis euros. Tamén se prepararán freixós desde as dez da mañá nos baixos do Mercado Municipal.
E paralelamente á celebración da Feira haberá varias exposicións no Mercado Vello e na Casa Dopeso. No primeiro escenario estarán os debuxos de humor de Xaquín Marín, e unha mostra conmemorativo da vixésimo quinta feira do grelo con material gráfico e tamén audiovisual. Na Casa Dopeso volverá abri-las súas portas o módulo expositivo da Casa da Enerxía, e no recinto da Feira atoparémonos tamén coa Mostra de Artesanía Vila das Pontes e maila Mostra de productos agroalimentarios de calidade.
Tamén nesa xornada poderanse visitar a Casa do Mel de Goente, e o Museo Etnográfico do Colexio Monte Caxado.
Para completa-lo programa realizarase no Auditorio Municipal Alovi o II Festival de Comparsas Vila das Pontes, no que poderán participar un máximo de 7 comparsas. A presentación do acto correrá a cargo de Carlos Blanco.

También podría gustarte
Comentarios