PRETO DE MIL TRABALLADORES DO SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS DA XUNTA DE GALIZA, DEMANDAN EN COMPOSTELA A PARALIZACIÓN DA PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO

Os traballadores reclaman a apertura das negociacións en materia de melloras laborais
Na mañá do xoves 19, preto dun millar de traballadores do servizo de extinción de incendios pertencentes á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza, manifestáronse en Santiago de Compostela, para demandar melloras nas condicións laborais e a paralización da privatización do servizo público de extinción.


Segundo informaron as fontes sindicais a principal demanda céntrase na paralización das contratacións a través da empresa SEAGA, recentemente creada co obxectivo de incorporar traballadores do servizo público de extinción de incendios forestais. A privatización do servizo, suporía para os traballadores a perda das condicións salariais actuais, así como a privatización interesada dun servizo que debería ser público sen ningún tipo de xestión privada.
A mellora das actuais condicións de traballo que teñen que soportar os traballadores do servizo, é outra das demandas formuladas o xoves en Compostela. As duras condicións que configuran o traballo destes homes e mulleres, non se ven compensadas con medios suficientes para poder desenvolver con seguridade e efectividade o seu traballo. As carencias de material como equipos de comunicación, localización xeográfica, e de protección persoal son algunhas das carencias máis significativas. Tamén o estado no que se atopan moitos dos puntos de vixiancia e observación, deixan moito que desexar en canto a condicións de habitabilidade.
De todos é sabido que estes traballadores desenvolven as súas tarefas en condicións de perigosidade elevadas, en moitas ocasións cunha soa carta da baralla, envidando coas súas vidas e escapando do órdago incendiario que deben extingir. Os apercibimentos en materia de nocturnidade e perigosidade, na actualidade son obviados pola Administración que non quere recoñecer a situación de risco á que se atopan expostos os seus traballadores.
Unha nova xornada de movilizacións está prevista para o día 31 do presente mes en Compostela. Se até entón a Administración non se sentou a negociar cos sindicatos, estos ameazan con endurecer ás súas protestas e advirten que a temporada de incendios forestais está a piques de comezar.

También podría gustarte
Comentarios