PROPOSTAS PARA O LAGO DA MINA DA MESA SECTORIAL DE ASOCIACIÓN CULTURAIS

Como froito do traballo dos derradeiros meses, partindo das propostas individuais das diferentes asociación integrantes desta comisión, elabórase esta proposta na que pretendemos recoller as nosas aportacións sobre o que entendemos que debería ser o novo entorno de As Pontes tra-lo cese da actividade mineira, a recuperación ambiental da entulleira e a formación dun lago polo enchido do oco da antiga mina.


Expoñeremos as nosas propostas agrupadas en diversos ámbitos:
PLAN DE ORDEACIÓN DE USOS DO LAGO:
Entendemos que a creación deste novo espazo precisa dunha boa planificación e ordeación de usos para compatibilizar os diferentes intereses e actividades a desenrolar.
Propoñemos FOMENTAR:

  • O uso lúdico e recreativo do entorno do lago
  • Os valores naturais e paisaxisticos da zona
  • Conservación da natureza e do Patrimonio e Memoria Histórica e industrial
  • A reutilización dos espazos abandoados polo cese da actividade mineira
  • Reforestación de zonas de monte con especies arbóreas de alto interese, para o seu posterior uso na artesanía ou polo seu valor natural (froiteiras ou zonas boscosas para paseo ou descanso).

Propoñemos NON PERMITIR:

  • Actividades agresivas (caza, uso indiscriminado de embarcacións a motor)
  • O asfaltado de pistas, optando por un bo deseño das mesmas integrando as existentes

Propoñemos REGULAR de maneira sostible:

  • Os actuais usos industriais no entorno do lago (Naves de ENDESA, parque de carbóns de Saa, Oficinas Tesouro) de maneira que se tomen as medidas de mimimización do impacto ambiental das actividades cara ó novo espazo e ós usos a desenrolar nel. Deberase contemplar o previsible abandono das instalacións da antiga mina para o seu aproveitamento.
  • A posible implantación de novas actividades, baixo os mesmos parámetros de sostebilidade, respeto e integración no novo espazo.

ACTUACIÓNS EN INFRAESTRUCTURAS:
Expoñemos a continuación diversas actuacións que consideramos fundamental ter en conta para a mellora do espazo e aproveitamento de usos do lago e o seu entorno.
Retirada das liñas eléctricas no entorno do lago, procedendo ó seu soterramento ou traslado. A actual disposición das mesmas crea unha barreira visual e física entre o lago e o pobo que consideramos debera ser eliminada.
Creación de zonas recreativas e de descanso (merendeiros), dotadas con abundantes sombras e pasteiros. Entendemos que dada a súa orientación, a zona de Espiñaredo sería idónea para unha destas zonas. Sería necesario contemplar o uso como cámping dalgunha destas zonas verdes, dotándoa dos servizos necesarios.
Recuperación e aproveitamento de manantiais para crear fontes no entorno.
Creación de unha senda para percorrer o perímetro do lago, cunha senda verde paralela á mesma, cos suficientes puntos de acceso e de descanso, debidamente sinalizados e dotados con aseos e puntos de auga. Sería unha boa idea dotar a esta senda de iluminación de baixa intensidade e alimentada por enerxía solar ou hidráulica.
Creación de zonas de acceso, aparcamento. Neste punto habería que considerar os usos náuticos do lago, creando embarcadoiros, accesos e superficies na proximidade inmediata da lámina de auga.
Establecer unha zona de parcelas para a creación de hortas urbáns alugables á xente do pobo.
Aproveitamento dalgún dos canais de aportación de auga ó lago para facer unha canle de augas bravas e unha canle surf para practicar piragüismo.
Establecemento de puntos de observación do hábitat, con sendas interpretativas e visitas guiadas.
Creación de miradoiros en puntos singulares, acompañando con imaxes retrospectivas e explicativas do que se está a ver.
Establecer modos de transporte público entre os diversos puntos do lago e o centro do pobo.
CENTRO DE ACTIVIDADES:
Consideramos fundamental a creación dun Centro de Actividades que focalice as diversas actividades a desenrolar no lago. Constituído por un único edificio ou por un complexo de edificios, podería albergar as seguintes actividades:
Centro de Actividades Culturais, con salas de ensayos, salas de conferencias, salas de exposicións, con biblioteca, salas, obradoiros e medios informáticos para desenrolar tarefas de formación nos ámbitos das novas tecnoloxías e as comunicacións. Coordinado por este centro se aproveitaría a xeografía do lago para a creación dun auditorio ó ar libre onde se puidesen levar a cabo concertos ou actuacións musicais.
Centro de Interpretación da Historia da Mina. Para a creación deste centro, é necesaria a FORMACIÓN URXENTE dunha comisión Concello-Endesa, responsable de catalogar, inventariar e conservar os elementos que pasarían a formar parte deste centro.

Neste centro se analizarían as diversas épocas do que agora é o lago.
Prehistoria, coa formación da mina, fósiles atopados na mina, estudo xeolóxico da zona, etc.
Época megalítica, recuperando todos os traballos feitos nos estudos previos á destrución levados a cabo durante a explotación da mina. A conservación do Castro de Espiñaredo, parcialmente escavado e á beira mesmo do lago sería o punto forte desta época, sen menosprezar o complexo tumular de O Castelo e Cheivan.
Recompilación de fotografías da época previa á explotación da mina.
Material dos primeiros anos de explotación, o tren da mina.
A explotación moderna por parte de Endesa, as rotopalas.
O enchido do lago e a transformación da zona.
Sería interesante ter maquetas representando como era a zona antes durante e despois da explotación mineira.

Centro de Actividades Deportivas Náuticas, onde se organizarían e xestionarían as diversas actividades a realizar no lago.

Entre os deportes náuticos consideramos interesante fomentar o remo, o piragüismo, a natación, a navegación a vela, o submarinismo (creando un pecio artificial en augas pouco profundas). Debería dotarse de embarcadoiro, superficies de varado, talleres e almacéns.
Será necesario contemplar neste proxecto a integración de persoas discapacitadas, instalando accesos adaptados e as axudas e instalacións necesarias.
Poderíase integrar tamén un servizo de rutas polo lago en embarcación ecolóxicas (vela, solares, etc.)

Centro de Actividades Deportivas Terrestres, organizando e xestionando deportes de natureza e outros a desenrolar no entorno do lago.

Sería interesante habilitar e sinalizar rutas de sendeirismo indicando puntos interesantes e elaborando guías explicativas.
O centro debería contar con aluguer de bicicletas, e circuítos de actividade tanto para nenos, adultos e terceira idade, campo de minigolf, zonas de pesca sen morte, tirolinas, etc.
Para potenciar a difusión de estes centros, sería interesante organizar eventos nos que se convidaran a figuras do deporte como maneira de publicitar e dar a coñecer o lugar.

Centro de Interpretación da Natureza, educación ambiental, estudio da flora ea fauna, obradoiros temáticos, sendas interpretativas, visitas guiadas, ruta xeolóxica.
Centro de Actividades Ecuestres, aproveitando a tradición equina da vila, propoñemos a creación dun centro equino para a practica e aprendizaxe das diversas modalidades de equitación. Zona de saltos, zona de doma e monta, rutas a cabalo guiadas, equinoterapia, etc. Aproveitaríase para crear espazos de gardería nos que a xente puidera ter os seus cabalos, servicio veterinario, aluguer de cabalos e burros, etc.
Zona de Ocio, dotado con cafetería, terraza, restaurante e tendas promocionáis dos productos e a artesanía da bisbarra.
Centro para Campamentos. Tería instalacións de aloxamento e manutención para unhas 200 persoas, e no que se aproveitaría para a súa actividade as infraestructuras do complexo.
OUTRAS PROPOSTAS:
Recóllense neste punto, diversas propostas, menos globais e máis específicas que constitúen proxectos que poderían ter integración dentro do proxecto xeral do lago. Enumerarémolos a continuación sen entrar en detalle de en que consistiría cada un:

Parque acuático
Parque zoolóxico
Hotel Rural aproveitando as oficinas do Tesouro
Casa da Madeira
Apiario
Campos de traballo en arqueoloxía
Ruta guiada polos museos de As Pontes
Zona de Tiro ó prato

Por último sinalar que consideramos de vital importancia para o pleno desenrolo do proxecto do lago, integrar no mesmo a Entulleira así como os terreos que rodean toda a antiga explotación.
As Pontes a 13 de xullo de 2011.
Asinan os representantes das asociacións culturais:
Agrupación Coral Endesa-As Pontes
Amigos da Madeira
Artesans do Eume
Asociación “Amigos da Música” – Banda de Música de As Pontes de García Rodríguez
Asociación Cultural Rondalla Vila de As Pontes
Asociación de Estudos Históricos “Hume”
Asociación Informática Amigus
Asociación Local de Amas de Casa y Consumo Familiar
Asociación Viudas Mª Magdalena
Aula do Medio Ambiente do Monte Caxado (A.M.A.)
Casa do Mel
Liceo Recreativo Artístico Cultural
Plataforma pola Defensa do Patrimonio de As Pontes

También podría gustarte
Comentarios