Amigus
As Pontes

Ramón Varela: ‘O enchido actual do lago das Pontes paréceme que non é o correcto’

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Moncho_varela.jpgENTREVISTA PUBLICADA NO XORNAL COMARCAL PEGADAS NO NÚMERO DE XUÑO DE 2.008
Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, segue a ser unha das referencias do ecoloxismo galego na actualidade. Loitador incansable,Varela é autor da tese “A contaminación atmosférica en Galicia”, traballo que no puido ler na Universidade de Santiago e que si foi aceptada pola Universidade Autónoma de Madrid, obtendo a máxima cualificación. Con él falamos ao respecto do actual proceso de enchido do oco da mina das Pontes e as problemáticas que este pode xerar na comarca.
Como ben sabe o enchido do oco da mina das Pontes xa se está a producir. No horizonte agárdanos o que será un dos maiores proxectos ambientais levados a cabo na nosa comarca nos últimos anos. Que eivas pensa vostede que presenta o actual proxecto do lago da mina das Pontes?
Ben, existen efectivamente varios problemas, uns relacionados co que é o medio físico e outros relacionados co medio ambiente. Co que respecta ao medio físico, hai que dicir que existe unha falla no lugar que ocupa a mina, que está aí dende fai millóns de anos inactiva na maior parte, pero que tivo unha actividade en épocas históricas, fai 2.500 anos aproximadamente. Esta falla que pasa polo Pedroso, As Pontes e Muíño Novo e que se extende en 55 kilómetros, pode ter actividade e pode provocar terremotos. Entón atopámonos que en canto se encha o oco de auga, debido á presión hidrostática, pode lubrificarse a falla e provocar terremotos. É evidente que este é un perigo certo que pode existir. Isto a nivel de medio físico. E logo a nivel ambiental, hai outros problemas como a humidade que pode crear, e ao mesmo tempo o problema e as repercusións que pode traer para as augas do río Eume. A miña opinión é que debería facerse un estudo ecolóxico de todo o entorno, estudo do impacto que pode producir o enchido desta forma e ao mesmo tempo sacar as conclusións, é dicir se merece a pena facer esta obra, en función das consecuencias negativas que pode traer.


Fálase de que un dos fáctores esenciais para obter unha correcta calidade das augas é o ritmo de enchido, que no caso de ser prolongado sería máis prexudicial para a calidade da auga. Cal é a súa opinión ao respecto?
Ben, coido que non debemos xogar con aspectos que na natureza non están comprobados. Refírome a que, se ben hai algúns exemplos de lagos que se crearon a partir de minas abandoadas, son todos exemplos que non son comparables ao que temos na actualidade aquí, pois teñen só a décima parte do tamaño que ten o oco das Pontes. Neste caso concreto, non hai ningunha experiencia no mundo onde se enchera un oco tan grande con estas condicións ambientais. Polo tanto se sae mal, non se poderá dar marcha atrás, no sentido de que non se vai a poder baleirar a auga, que sería demasiado ácida e traería problemas, e podería producirse problemas a nivel de ecosistema na ría. Entón a cuestión fundamental reside en que é preferible antes de comezar a facer as cousas, facelas con garantía. A calidade das augas terá que ser controlada por parte da Administración, por que a empresa o que fai é abandoar o proxecto unha vez que está cheo o furado e pasarllo á Administración. Polo tanto no futuro correremos todos cos gastos que poida levar consigo o control desa posible contaminación, e iso será un efecto máis que nos vai a deixar esta industria. Non é certo que non haxa alternativas, o enchido actual do lago paréceme que non é o correcto, tal e como o pretende facer a empresa, esa é a cuestión.
Fálase tamén das posíbeis modificacións do clima da zona debido á gran masa de auga que albergará o futuro lago. Como pode chegar a repercutir en constantes ambientais como a temperatura, a humidade e outros fenómenos asociados?
Ben, hai que ter en conta que estamos nunha zona de vacía e rodeados de montañas o que crea unhas condicións determinadas. A gran evaporación que se pode dar no lago nesas condicións, vai a repercutir nun aumento da humidade relativa, podéndonos atopar un ambiente cunha maior humidade da que existe na actualidade, e isto vai a traer repercusións negativas. Sábese despois da experiencia dos grandes encoros galegos, como o caso de Belesar ou de Castrelo de Miño, que antigamente nas zonas próximas aos encoros os agricultores tiñan que utilizar tres veces o sulfato para atacar o mildeo das viñas, e agora cos encoros xa construidos, en vez de tres veces necesitan aplicar ata oito veces o sulfato. Isto explícase por que as pragas como os fungos propáganse moi ben en condicións de humidade, polo que un aumento de temperatura cunha maior humidade na zona, serían as condicións perfectas para que proliferasen algunhas enfermidades, parásitas e vexetais. Pero ao mesmo tempo tamén podería repercutir na saúde das persoas pois veríanse agudizados algúns dos problemas relacionados co asma, a bronquite, os enfisemas e outros, de tal xeito que repercuta na saúde sobretodo dos nenos e das persoas maiores, que son o grupo máis sensible aos problemas respiratorios.
Como ben sabe o último dos mellores bosques atlánticos conservados alberga un treito deste río. Como pensa que pode afectar ás Fragas do Eume unha baixada no caso de seca, do caudal do río? E nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume?
Hai que ter en conta que esa auga áceda que se vai a producir no futuro lago en contacto coa pirita, vai a provocar a transformación dos sulfuros en sulfatos e polo tanto vaise a producir unha baixada do pH. É dicir que sí se verán afectadas as Fragas do Eume dalgunha maneira o que repercutirá negativamente nun espazo natural importante, repercutirá na calidade das augas do río Eume, repercutirá na calidade das augas da ría de Pontedeume e evidentemente repercutirá incluso, na saúde dos habitantes que están nas zonas próximas. Por qué? Pois por que aí vai a haber unha evaporación importante e unha humidade e iso vai a proliferar o aumento de pragas no campo, así como repercusións a nivel de enfermidades respiratorias como asma e bronquitis que poden afectar á poboación.
Que especies animais e vexetais poderíamos atopar nun futuro lago de seguirse co proxecto actual?
Eu non me atrevo a dicir o que vai a haber aí por que pode ser un lago morto tranquilamente. Se non hai garantías de que as augas teñan unha calidade determinada e de que esa auga sexa similar á do río Eume -e iso vai a ser bastante dificil-, é evidente que non podemos dicir que especies vai a haber aí. Ao mellor é un lago morto. Pódese dar a circunstancia de que sexa así. A evolución da calidade das augas tampouco se mira no primeiro momento, é dicir ao cabo de catro ou cinco anos, senón que hai que vela co paso do tempo, pois nun primeiro momento pode parecer que as cousas funcionan con normalidade e calidade, e despois a medio ou longo prazo pódense chegar a dar uns problemas importantes. O máis normal é que xa comecen os problemas dende o principio.
Logo de que a calidade da auga sexa a axeitada e a rexeneración do entorno esté completa, o control do lago pasará a Augas de Galicia. Como pensa que pode repercutir este traspaso de competencias no futuro?
A cuestión é que a nivel privado sabemos que non existe un control, pero que a nivel público ese control tampouco se dá. A proba é que moitos dos nosos ríos están contaminados, hai zonas de praia que están contaminadas, hai falta de depuración de augas residuais en moitos concellos e é unha competencia municipal e da administración pública. É dicir que nos atopamos que hai unha empresa que busca gastar o menos posible na solución dun problema creado pola propia empresa e a Administración acepta que ese problema se lle traspase a ela, o cal tampouco é garantía de que se vaia a realizar un control exhaustivo. Eu non entendo moi ben como a nivel público se pode aceptar un compromiso desta índole, pois isto traerá consigo que no futuro terá que haber un control exhaustivo e reparar o que a empresa estivo deixando mal. Isto recaería despois na Administración que tería que solucionalo, cando foi un problema creado por unha empresa privada. Atopámonos pois no punto de inicio, é dicir, como unha empresa privada logo de sacar uns benefizos tan grandes como tivo, -nos anos 90 acadaba uns benefizos netos de 40.000 millóns de pesetas-, agora poida estar escatimando a nivel económico a solución dun problema, que realmente non significa nada para o imperio que é esa mesma empresa. Penso que a Administración non debe pagar o custe da empresa privada, cos custes sociais que isto implica e cos custes económicos, claro.
Segundo os responsábeis do proxecto de rexeneración da escombreira, este é un dos exemplos europeos de rexeneración ambiental polo que destruir ou desfacer esta escombreira hoxe en día sería tirar os cartos que se invertiron para rexenerar esa zona. Que opinión ten vostede ao respecto?
Eu penso que a empresa actuou moi á lixeira, dende o punto de vista de que ela fixo o que lle pareceu coa escombreira, pois creou unha montaña artificial onde non a había por un lado, e por outro creou un foso onde antes non o había, ou sexa dous problemas distintos. A súa obriga tal e como establece a lei, é a de devolver os materiais que se sacaron dun lugar ao seu lugar de orixe, sempre que se poida. Neste caso o lugar que lle corresponde é o oco da mina. Pódese amortiguar o foso que produciu, cos escombros que depositou facendo a montaña. Isto é o que tiña que facer agora, trasladalo de novo, pero como á empresa lle resulta máis barato coller e abrir para que lle entre auga directamente do Eume é o que pretende facer, non é máis que unha cuestión de custes da empresa, trasladándolle o problema á Administración. Ao final é iso, enténdase da maneira que se entenda, e todo o demais son xustificacións do mundo, chamémoslle entre comiñas “científico” que máis ben é anticientífico, por que intenta xustificar o inxustificable. Non se pode xustificar neste momento unha alternativa como esta baixo ningún concepto e o que parece xa inconcebible é que os que dalgunha maneira teñen unha información científica distinta, que nin sequera se lles escoite, este é o caso do Instituto de Xeoloxía da Coruña que nin sequera a Administración se lle pon ao teléfono.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios