Mal se poñen as cousas para o Esteo despois de perder por un claro e contundente 1-5 diante do Universidad de Valladolid, equipo que amosou a posición que ocupa na táboa clasificatoria, e que tras este triunfo sobe momentaneamente á terceira posición na á espera do resultado do partido Bembrive-Cuéllar. Nada hai que obxectar á vitoria dos vallisoletanos, que ó longo do partido amosaron a súa superioridade fronte a un impotente Esteo, que en ningún momento soubo estar na pista do pavillón da Fraga. Ó descanso o equipo visitante gañaba por un claro 0-3, con goles de Ofa, Javi López e Miguelín. Ós oito minutos do segundo acurta diferenzas Fran. Pero, isto foi un espellismo, xa que o dominio visitante era evidente mentres que o Esteo era un querer pero non poder e que nos derradeiros minutos recibiu dous goles máis por mediación de Balle e Ofa, este por segunda vez, cando o cadro local xogaba á desesperada co porteiro xogador.
En definitiva, resultado xusto para o conxunto castelán ante un impotente Esteo, no que terán que cambiar moito as cousas nas vindeiras xornadas se quere lograr a permanencia na categoría de bronce do fútbol sala español.
Nesta xornada salientar a sorprendente derrota do líder Cidade de Narón na súa propia pista ante o Noia por un claro1-4, co que o título amósase cada vez máis caro. Precisamente o conxunto noiés visita As Pontes o vindeiro 8 de marzo despois de viaxar a Lugo para enfrontarse ó Azkar B, un partido de auténtica final para os dous equipos.
FICHA DO PARTIDO
O ESTEO FS: Chotto, Gerveno, Héctor, Rubi, Rober Paz cinco inicial- Pelu, Gerardo, Fran e Bolli.
U. VALLADOLID: Félix, Molina, Ofa, Javi López, Dani Martín cinco inicial- Víctor, Leal, Mario, Fraile, Balle e Miguelín.
GOLES: Min 13 (0-1), Ofa. Min. 17 (0-2), Javi López. Min 19 (0-3), Miguelín. Min 28 (1-3), Fran. Min 39 (1-4), Balle. Min. 40 (1-5), Ofa.
ÁRBITROS: David Álvarez e Jesús Santoveña, de Gijón; na mesa Berta González, da Coruña. Amoestados Chotto e Rubi, do Esteo, e Ofa e Dani Martín, do Universidad de Valladolid.
INCIDENCIAS: Partido da vixésima xornada de liga da Segunda División B disputado no pavillón municipal da Fraga ante uns 250 espectadores nas gradas. Antes de iniciarse o encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento do avó de Iván, porteiro do Esteo.
Nova cortesía de A.F.