Unha feira non permitida no 1675

Don Enrique Rivera Rouco xa tiña dito que os Condes de Lemos, ademais de abusar cos seus impostos dos vecinos de As Pontes, tamén lles restrinxiran nalgunhas ocasións a organización de feiras e mercados na vila.
Os documentos os que farei mención hoxe, fálannos dun pleito entre o Conde de Lemos e varios veciños no 1675 acusando ós mesmos de ter organizado unha feira non autorizada durante tres anos consecutivos en As Pontes e en Parga. Estas feiras facían un forte dano á feira de Vilalba e ós intereses que o Conde de Lemos tiña na mesma. Acúsaselles de realizar estas feiras sen ningún tipo de alcabalas ou outros impostos.


O documento inicia cun escrito realizado o 19 de Nadal de 1675 no nome de “Antonio Fdez Sanjurjo Bº de Villalba y procurador General dela Villa y su Condado”. Nel aparecen os vecinos de As Pontes que foron responsables: “Juan do Pico, Domingo da Bouza, Diego fdez de Xinço, Juan de Cural, F(co) Perez de Solloso”. Interveñen os xuices “D. Diego Saavedra, xuiz ordinario de As Pontes; Domingo de Soto, xuiz ordinario da Puebla de Parga”, xunto con “D. Pedro Novo subteniente”.

feira-1.jpg
Feira de As Pontes (Foto Vila)

A acusación culpábaos por facerlle a competencia ó mercado de Vilalba creando mercados en As Pontes e especialmente o novo de Parga (onde non había costume), pasando por riba dos impostos ós que o mercado vilabés suxetaba as mercadorías: “tres anos los vecinos de puentes haciendo y convocando feria el primer dia de cada mes permitiendo el que vendan todos los generos de mercadurías aciendo exventa dha feria de cientos y alcabalas y mas tributos consedirlle a su mugr, y con efecto con el pressto de ser franca concurre mucha acienda de bueis y bacas cabalgaduras y otros animales pantrigo engrano y otras cosas = ylomesmo noaviendo costumbre de venderle en dha puebla de parga bueisbacas caballos, cabras ni obejas niotros ganados; pan y trigo y mixo en grano”.
Prendéuselles e obligóuselles a pagar á Real “Acienda” e ós arrendatarios da vila de Vilalba. Neste pleito testemuñaron moitas persoas, recolléndose a súa declaración por escrito, tal e como se atopa cubrindo máis de cen páxinas.
Estas feiras ían en detrimento da de Vilalba, celebrada o primeiro domingo de cada mes “que hes antigua y hesta en observancia desde ynmemoria al tiempo a esta pte y andaría rendados los tributos dellas”.
Vilalba-XVII.jpg
Vilalba no século XVII, debuxo do exército

Finalmente, o legaxo remata sendo informado da sentencia do auto “Juº Calvo, procurador general de la Vª y fra de Puentes” en data cinco de Febreiro de 1676.
Este documento consérvase no Arquivo do Reino de Galicia, e pertence ó apartado de Reales Audiencias, nº 10217/12. De este documento puido ter noticia don Enrique Rivera Rouco, pero, en tal ubicouno un século máis tarde (1775), tal e como se deriva dos seguintes párrafos que publicou no seu libro (px 94 e 95). Cabe tamén a posibilidade de que as circunstancias foran semellantes e que coincidan algúns números. Nesas páxinas don Enrique di o que segue:
“En el año 1775 el intendente Mayor de la Provincia de Betanzos dio orden de suspensión de las ferias de Puentes, con motivo de la denuncia presentada al efecto por el Sr Administrador de Rentas del Partido, alegando que Puentes tenía impagados los impuestos correspondientes a dicha feria desde hacía algún tiempo.
La interrupción de la feria “Mercado Franco”, en los primeros días de cada mes, “que venía ejecutándose desde tiempo inmemorial” causó un daño muy grave a la villa y a la comarca, cuyo único medio de vender sus frutos y de abastecerse de las cosas necesarias era su feria mensual (1 de mes): Por tanto, desde varios siglos antes del XVIII existía nuestra feria, que, si bien era mensual y no quincenal como se impuso posteriormente, duraba prácticamente varios días, ya que, por los rudimentarios medios de transporte entonces existentes, llegaban los feriantes el víspera y salían el siguiente, convirtiéndose en tres días el día de feria. Eran las mejores ferias de Galicia.
Las autoridades de Puentes y Comarca (Alcalde Mayor y Mayordomo de las Parroquias vecinas) interpusieron apelación en “La Sala de Justicia del Consejo de Hacienda y por gracia expresa del Rey Carlos III, en fecha 27 de Junio de 1788, pudieron reanudarse hasta nuestros días”.
Sobre estas feiras fun publicando con anterioridade datos sobre productos e alcabalas, que xestionaron durante moitos anos nos séculos XVII e XVIII as cofrarías da vila. Invito a ler o artigo anteriormente publicado en AMIGUS sobre a cofraría de San Roque e San Caetano, onde se menciona a potenciación da feira de Santos, con tanto número de feirantes, que pernoctaban na vila, que fóron necesarias as ampliacións de celebracións litúrxicas.
Pero con motivo das festas patronais do 2004, e do nacemento do primeiro mercado medieval en As Pontes, escribín un artigo sobre o mercado medieval de As Pontes na revista das festas, do que hoxe quixen recoller algúns fragmentos coma os que seguen:
“Dende a xuntanza de presentación da Asociación “Lembranza da Vila” falouse da actividade dun mercado medieval. Esta iniciativa da Asociación deberá contar con todo o respaldo dos ponteses e dos seus comerciantes. Trátase de algo moi laborioso e que só funciona na medida en que todos se impliquen no proxecto (asociacións, comerciantes, veciños…). Non pode ser unha iniciativa que se arranxe contratando unha empresa que o faga todo e que implante en As Pontes un mercado medieval estereotipo. O mercado pontés ten os seus fundamentos serios e hai certos personaxes, características i edificios propios que o distingan.
Para comprender os mercados medievais en Galicia temos que remontarnos a que xa na cultura castrexa viña sendo habitual a reunión ou asamblea (Oenach) dos naturais da comarca ó redor dalgún recinto castrexo, onde aproveitaban para reunirse en asemblea coas xerarquías locais, para intercambiar productos, ideas e actos, típicos da cultura da época. Soían enclavarse ó pé dun castro nunha encrucillada de camiños (1) .
No tempo romano o sistema de impostos basouse nun imposto indirecto, a vixessima, o 5% sobre a producción. Houbo tamén impostos extraordinarios que o gobernador da provincia podía estabrecer libremente, pero que foron desaparecendo progresivamente; fóronse creando outros novos de tipo indirecto baseados no comercio e nos mercados como as vectigalia, ou a quadragessima/quinquegessima rerum venalium (2 a 2,5% sobre as ventas), o portorium (pago do 2%), e por utilizar pontes –caso moi vinculado ó da nosa vila-, por pasar dunha provincia a outra, etc…, incluso a vigessima libertatis pola compraventa de escravos. Este cobro de impostos, especialmente o de pontazgo, vai permanecer na Idade Media. A cotío os impostos eran satisfeitos en especie (lana, trigo, ganado, pieis). O romanos crearan dende o 187 a. de C. varias “cecas hispánicas” que acuñan moeda ó estilo romano, primeiro de prata e logo en bronce para este pago de impostos(2) .
A estructura de mercados romanos continuará cos visigodos. Os mercados seguen a ser intercambios de mercancías organizados, en días e lugares determinados e cunha regulación legal mínima. A primeira referencia medieval en todo o ámbito da monarquía vai ser o mercado de Oviedo nun diploma de donación de Ordoño I ó Cabildo de Oviedo no 851.
O intercambio de productos veuse forzado a continuar sendo habitual dada a escasez de moeda en algúns momentos. Así por exemplo, nestes anos existíu unha escasez de pezas motivada, en gran parte, porque as igrexas atesouraron o metal, especialmente as sedes de Oviedo e Compostela. Hai noticias de diferentes negocios en Portugal e Galicia entre o 900 e o 1004, pagados con moedas denominadas sólidos galliganos, calicenses, galicarios ou galeganos. Trátase das moedas da Galaecia acuñadas polos reis suevos ata o século VI, con menor peso que os romanos. No 1005 cítase a moeda dos tremisos en Celanova. Pero a maior parte das operacións realizábanse con intercambio por ovellas ou ferrados de trigo (3) . Podemos consultar un interesante catálogo de precios na obra de Sánchez Albornoz(4) .
Nos séculos XII e XIII Galicia experimenta unha importante etapa de desenrrolo. O crecemento demográfico, as modificacións das formas de asentamento, a expansión económica no mundo rural, o renacemento urbán, a concentración artesanal, a axilización dos intercambios de productos entre comarcas, a forza das institucións eclesiásticas, a entrada en escea dos homes de cidade, as repercusións do proceso de centralización política nun país excéntrico e a reforma cisterciense son as claves da evolución de Galicia nesta época.
O aumento do número de membros das familias implica unha fragmentación das propiedades, a obrigación de buscar novas terras ou a desplazarse ás novas cidades e vilas. Todo iso trae como consecuencia unha maior ocupación do mundo rural, creando novas aldeas ou explotacións individuais, e por outro lado o crecemento dos centros urbáns xa existentes e a creación doutros novos.
As cidades desta época están sempre amuralladas, aínda que o pulo demográfico fai que as construccións se extendan a extramuros, na maioría dos casos, e se comecen a compartimenta-las casas para intensificar a ocupación do espacio urbán.
A vila medieval pontesa ten unha orixe ou potenciación nese ámbito, nun século florecente, baixo influencia dos Andrade; pero o século XIV, que vai ser propiamente o de García Rodríguez de Valcarce non será tan florecente senón que padecerá unha intensa crise motivada por:
A fame: abusouse das formas de cultivo, houbo malas situacións climáticas (secas, excesos de choivas), un abuso por parte dos mosteiros e dos señores feudais no cobro de impostos forais (alcabalas). Os campesiños viron mermadas as súas posibilidades de subsistencia e comezaron a emigrar cara a núcleos urbáns. Os señores feudais quedáranse coas terras, co que todo vai a comezar a depender deles (5) .
A peste: procedente do norte de África aparece polos portos no verán de 1348. Será dos problemas ós que se terá que enfrentar a vila e a familia dos García de Valcarce. Pero a peste trouxo unha ventaxa forte por medios indesexados, que foi o descenso da poboación e polo tanto a mellora das condicións para os que sobreviviron a ela (6) . Coa peste aparecen as malaterías e hospitais que xa funcionaban para peregrinos e moinantes. En As Pontes existiría o Hospital de San Xoán, creado polos monxes hospitalarios da orde de Malta, que cos froitos de varias terras situadas preto da ponte romana mantiñan ós que nel pernoctaban ou eran coidados(7) .
feira-1948.jpg
Feira de As Pontes no 1948 (Foto Vila)

A guerra: Mentres na primeira metade do século XIV non haberá grandes guerras, na segunda metade (tempo de García Rodríguez) produciranse tres guerras: a castelá, a castelá-portuguesa e a inglesa. O feudo de As Pontes tería tomado parte na inglesa cando o Duque de Lancáster invadeu por Coruña o 25 de Xullo de 1386 (8) . Segundo o historiador José Couselo Bouzas un dos García Rodríguez viuse obrigado a ausentarse dos seus territorios durante un ano ó ser sitiado na revolta irmandiña a mediados do século XV. O cura de O Freixo destacou coma cabecilla na agresión do castelo de As Pontes (9) .
Outro inimigo de García Rodríguez, que abusou del en varias ocasións, foi o veciño Andrade que cometía roubos cos seus escudeiros nas súas posesións de cando en vez (10) .
O florecer do comercio e dos mercados fixo que se construiran moitas pontes –ben elaboradas coma a dos ferros ou máis simples coma puido ser ó final da rúa San Xoán a do Porto dos Bois- e camiños, xa cara a 1400 fúndanse abondosas feiras e mercados, entre as que destacou a de Medina do Campo. En Galicia xa existirían algunhas coma as de Mondoñedo (11) . Segundo don Enrique Rivera as feiras de As Pontes terían neste momento a súa orixe ó atoparse nunha encrucillada de dúas importantes rutas: de Lugo a Ferrol e do Barqueiro-Ortigueira a Betanzos-Coruña. Todo isto traería consigo a existencia de grande número de oficios e de artesáns, así como da promoción de productos para atender non só a demanda da zona senón a compradores foráneos. Vendíase e mercábase todo o necesario para a vida da nosa xurisdicción e de fóra dela, como eran as vilas e cidades de Viveiro, Ferrol, Cedeira, Neda e Pontedeume. Esta feira tendeu a conservar dalgún xeito o seu recinto e lugar característico de venta (12) . Predominarían os cereais, os gandos, as madeiras de castaño, carballo, bidueiro, buxo, etc (13) .
Estos mercados que viñan de tradición primitiva fóronse renovando con novos mercados, ás veces despois de pasar certas crises e danos irreparables. En As Pontes houbo unha interrupción de feiras no ano 1775, reanudándose no 1788 (14) . Os celos económicos entre concellos e feiras facían moi propio este tipo de problemas, así, podemos comprobar que o alcalde do Concello de Viveiro, D. Francisco Montero Vélez, no 1721, denunciou diante do Consello Real co fin de que se prohibisen as feiras que se celebraban no condado de Santa Marta de Ortigueira, por coincidir coa que se celebraba en San Claudio e por que pretendía que se incrementase a de Viveiro en número de asistentes (15) . En 1788 sabemos que había competencia (“mercados inmediatos”) e que a feira de As Pontes celebrábase o día primeiro de cada mes dende que a concedeu Carlos IV por real cédula do 27 de Xuño de 1788, con exención de dereitos de alcabalas (16) .
Ó través das compras e ventas da capela de San Martiño de Gondré en 1825, por exemplo, sabemos o que podían custar algúns productos naqueles tempos: “más quince mv. de los tres cuartos de una obeja que se bendió en la Feria y estaba en poder de Luis Pernas de quien hera el otro cuarto”…”veinte y seis mvs. que dieron quatro libras de lana, que produjeron las obejas”… ou en 1811 que se puxou un carneiro na feira por “diez y seis mvs de los tres quintos de un carnero que se bendió a pujas”… (17) Pero se queremos saber precios máis antigos, de 1133, estabrecidos polos coengos da catedral de Santiago sabemos que as cousas vendíanse polo seu peso e que por exemplo cinco ollomoles valían un numo, unha anguía grande custaba un denario, un polbo grande dous denarios, un castrón dez numos, un cordeiro seis denarios, unha galiña, mazarico ou perdíz un numo, unha boa lebre por dous numos, trinta ovos un numo, un ganso catro, as ferraduras dous numos o par, uns zapatos dezaoito numos (poucos andarían calzados, de xeito que as botas equivalían a dous soldos)… (18)
Estos mercados tiñan que ter unha concesión por parte do rei, tal e como manda Alfonso X “o Sabio” no libro das Partidas (V, título VII). En Galicia os mercados documentados máis antigos serían o de Lugo (1104) e o de Monforte de Lemos (1106). O de Pontedeume concedeuse no ano 1270. É moi probable que cando a Nuno Freire se lle concedeu o privilexio sobre As Pontes, ou cando se lle premiou a García Rodríguez, otorgándolle o privilexio da vila, se tiveran otorgado dereitos de mercado por parte dos respectivos reis. (18) .
As Pontes ten un abondoso fundamento e personaxes medievais para estabrecer un mercado deste tipo. Agora toca retomar cada recuncho e darlle de novo sentido, redescubrindo o latexo das pedras das rúas vellas da vila. En cada casa, en cada espacio poden resucitar as pegadas da historia. Os gremios medievais están chamados a revivir un mercado que non é alleo a nós e que en As Pontes pode ter un sabor propio”.
Coma dixen no 2004, cando nacía o mercado medieval de As Pontes, quero seguir animando hoxe a vivilo e a transformar o fondo da vila nese máxico recuncho. Porque lembramos o noso pasado, porque revalorizamos a zona antiga – tan maltratada sempre-, porque nos xuntamos en vecindade. Con todo o meu desexo de que saia ben.
Xabier Martínez, nos derradeiros momentos do Círculo Lítico.
1 Cf. Emilio Ramil González-X. Carlos Breixo Rodríguez-Emilio Grandío Seoane, Historia de Ortigueira, Vía Láctea (A Coruña 1999) 144 p. ; A. Pena Graña, Narón un Concello con historia de seu. Publicacións do Servicio Pedagóxico Municipal do Concello de Narón 1993.
2 Cf. J. Fresno-M. Delgado, Feiras e Mercados en Castela-León, Ed. Páramo, Xunta de Castela e León, Consellería de Fomento.
3 Ibid. 90-92.
4 Sánchez Albornoz, La España cristiana de los siglos VIII al XI. Reino astur-leonés 722-1037.
5 Cf. Emilio González López, La Galicia de los Austrias, II, Instituto “P. Sarmiento” de Estudios Gallegos (Coruña 1981) 137-138 pp.
6 Ibid. 133-135 pp.
7 Cf. Enrique Rivera Rouco, ´Los bienes eclesiásticos usurpados a las parroquias de As Pontes en la “Desamortización” de Mendizábal`, na Revista das Festas do Carme 1995. 17 p. Diccionario Madoz (Galicia), V, (Madrid 1845) facsímil (Santiago 1986) 1091 p.
8 Cf. Luis Suárez Fernández, Historia de España, (Madrid 1985) Tom VII, Cap II.
9 Cf. José Couselo Bouzas, La guerra hermandina, (Santiago 1926).
10 Cf. Benito Vicetto, Historia de Galicia, vol V, cap XV Ferrol 1865-72.
11 Cf. Luis Suárez Fernández,o.c., Tom VII, cap. III.
12 Cf. Emilio Ramil González-X. Carlos Breixo Rodríguez-Emilio Grandío Seoane; o.c., 144 p.
13 Cf. Enrique Rivera Rouco, ´Contexto Socio-Económico de As Pontes en el Dominio de los García Rodríguez`, Libro das Festas Patronais 1988.
14 Ibid.
15 Cf. Emilio Ramil González-X. Carlos Breixo Rodríguez-Emilio Grandío Seoane; o.c., 145 p.
16 Cf. Diccionario Madoz (Galicia), V, (Madrid 1845) facsímil (Santiago 1986) 1091 p.
17 Cf. Arquivo Parroquial, libro de Capelas. Nel anótaronse precios de venta e compra de gandos no XVIII e XIX.
18 Cf. Galicia. Historia. (Santiago 1991) 354 355 pp.
19 Cf. Galicia. Antropoloxía, (Coruña 1991) 334-336 pp.

También podría gustarte
Comentarios