Amigus
As Pontes

2.-COMO TRATA-LAS PLANTAS.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Dependendo de cada especie de planta medicinal, recóllense determinadas partes da mesma, anque algunhas, pola diversificación das substancias activas, aprovéitanse na súa totalidade. As partes susceptibles de recollida son as seguintes: brotes (gemma), follas (folium), partes leñosas (lignum), cortezas (cortex), flores (flos), estigmas (stigma); froitos (fructus), baias (bacca), talos (caulis), pedúnculos (estipes), sementes (semen), raices (radix), tubérculos (tuber), rizomas (rhizoma), bulbos (bulbus), zumes (sucus), pólas (herba), resinas (resinae). Na axedrea aprovéitanse preferentemente as follas e talos.


Follas: Non e axeitado desprove-la planta de tódalas follas, xa que son os órganos que precisa para asimilación, permitindo deste xeito, ter sempre unha producción asegurada. As follas recóllense no comezo da floración, momento no que conteñen maior cantidade de substancias activas. Débense escoller sempre as suculentas e novas, sen manchas, as cales son sempre sospeitosas dalgunha enfermidade viral; igualmente, enteiras, sen danar e sen insectos. O secado das follas ha que facelo en capas finas evitando o sol intenso; isto é especialmente importante nas plantas con alto contido en aceites esenciais. Durante a colleita ou previo o seu secado, non se deben amontoar ou engurrar as follas, xa que moitas especies estráganse ou requeiman doadamente, como as follas de malva, llantén, fresa ou groselleira; outras como as follas da dixital perden incluso os glicósidos que conteñen. Na árnica aproveitarase especialmente a flor, anque o rizoma tamén ten aplicacións medicinais.
Flores: As flores son na súa maioría moi sensibles a requeimarse, por iso deberán evitarse as envolturas plásticas para o seu transporte, as cales impiden a transpiración. As flores poden ser simples ou agrupadas en inflorescencias. Pódense presentar en ácimos, umbelas, espigas, cabezolos, panículas, cimas, etc. Débense recoller con tempo seco e cando se atopen totalmente abertas, preferentemente arredor do mediodía. Nalgunhas plantas recóllense só determinadas partes da flor, coma os pétalos da malva e adormecedeira. O color e cheiro característico das flores debe quedar despois do secado e mentres dure o almacenamento, no caso contrario será preciso sustituilas. Da acedeira redonda aproveitase so o rizoma.
Raíces e rizomas: Para recolle-las raíces é preciso agardar, polo xeral, a que a planta haxa entrado no período vexetativo, intre no que posúen maior cantidade de substancias activas, anque dependendo da especie, tamén se colleita na primavera. As plantas vivaces recóllense a partires do segundo ano, e nas bianuais a partires do primeiro. As raíces, ou partes soterradas das plantas, presentan formas variadas: fasciculadas, cónicas, cilíndricas, e poden ser simples ou ramificadas. Pola súa parte, o rizoma é a parte do talo soterrado onde nacen as raíces. Antes do secado hai que proceder a unha limpeza de raíces e rizomas; para iso lavaranse con auga abondosa, eliminando terra e outros restos. Non se deben usar cepillos para este labor, xa que determinadas especias, como a valeriana, sofren unha perda de aceites esenciais contidos na epiderme. O secado consiste nunha deshidratación das partes recollidas antes do seu almacenamento; para evitar los mofos, podredumes ou enfermidades as que quedarían expostas. Algunhas especias precisan levedar previamente, exemplo da xenciana, malvavisco e ruibarbo). Na borralla aprovéitanse as sumidades floridas (herba boraginis), ademais das flores e follas. Para o secado córtanse as raíces mais grandes nun sentido lonxitudinal e espoñense o calor natural sempre que sexa posible; estarán listas para o almacenamento cando se volvan quebradizas, doadas de romper ó torcelas. Antes de almacenar hai que asegurarse da ausencia de bichos.
Sumidades: As sumidades (conxunto ou mazo), son os pedúnculos foliados das plantas, nas ocasións floridas. Recolleranse sempre as partes mais frescas e novas; se son moi longas colleranse uns 20 cm. dos extremos das pólas; se son partes rastreiras deberanse lavar convenientemente para elimina-la terra e impurezas. Para cortalas usaranse navallas ou tesoiras de xardín, evitando partilas, que as prexudican notablemente. Deixar sempre as raíces na terra para asegurar a súa rexeneración.
Secado e conservación: O secado e almacenamento das plantas medicinais ata o momento da súa utilización, require unha serie de técnicas aplicables incluso a outro tipo de plantas, coma as especias ou as de uso industrial, pero especialmente importante nas medicinais, as cales, dado o fin que se lles vai dar, precisan conserva-las substancias activas no seu máximo grao de efectividade. A época de recolleita das apreciadas baias do morillón é a finais do verán, cando a planta deixou de medrar e as follas están formadas e os froitos maduros.
A época da recollida: Varía en función do contido das substancias activas durante o ciclo vexetativo. Nese momento queda determinado polas características da especie e das partes da planta que se van recoller, sexan follas, raíces, flores, froitos, etc.
O secado: O secado dunha planta non á mais ca o proceso de sacarlle a humidade que conten, para evitar que podreza, enferme ou perda as substancias activas, ademais de permitir o seu almacenamento por un certo tempo antes da súa utilización. En moitas ocasións, antes de seca-las plantas, réganse incluso para limpalas de terra ou po; prepáranse, sepáranse, trónzanse, etc., segundo sexa o caso, para de seguido proceder o secado propiamente dito. Este pódese facer con calor natural ou artificial; sexa cal sexa o sistema, o propósito é eliminar progresivamente a humidade contida nas partes útiles, mediante técnicas axeitadas a cada especie de xeito que non se perdan ou deprecien as substancias que se pretenden reter. Algunhas especias das que se aproveitan pólas ou froitos, como a sarxa, poden ser secados no seu propio lugar de cultivo se as preservamos do sol.
O proceso do secado: Practicamente sen excepcións as partes recollidas deben poñerse a secar inmediatamente; evitarase deste xeito que se axeen ou requeimen. Por esta mesma razón, salvo nalgúns casos, é preciso evitar o secado a pleno sol, dado que as substancias activas redúcense ou alteran por mor dos raios do sol; así, as plantas ricas en aceites esenciais poden chegar a perder entre un quinto e unha terceira parte deses materiais. Unicamente en casos excepcionais poñeranse as plantas a pleno sol, pero sempre por períodos moi curtos e previo a situalas nun lugar axeitadamente oreado. O proceso de secado é mais ou menos sinxelo dependendo de que partes da planta se vaian manipular. As follas, por exemplo, son xeralmente doadas de tratar, non así os talos e pólas. Se o tempo de secado é excesivo corrémolo risco de que a planta se faga po, perdendo as substancias activas; un tempo escaso, po-la súa parte, pode provocar que a humidade que aínda conteña faga que balorezan e podrezan. Polo xeral, as partes mais duras da planta débense poder partir doadamente se as curvamos, e as mais febles deben conservar certa rixidez sen romperse ao manipulalas lixeiramente.
O sistema do secado: O calor natural é o sistema de secado mais axeitado, e o que da sempre os mellores resultados. Obviamente, con este sistema tense industrialmente un rendemento inferior, xa que se está a limitar á época do verán. Neste caso recorrese a secadoiros onde a ventilación, temperatura e humidade poden ser regulados e mantidos a un réxime constante. No inverno é preciso quentar o lugar habilitado como secadoiro. No verán, sen embargo, pódense alcanzar altos réximes de secado. As flores, por exemplo, se as mantemos con calor natural en lugares pechados, con sombra e preto dun oco de ventilación, poden alcanzar o punto óptimo entre 3 e 8 días; as follas entre 4 e 6; as pólas precisan períodos mais longos. Algunhas especias das que se aproveitan as pólas ou froitos (fiúncho, alcaraván, sarxa, mellorana, axedrea, etc.), poden incluso secarse no seu propio lugar de cultivo, pero coa precaución de que estean afastadas do sol e da choiva. Algunhas especias requiren tratamentos especiais. A flor do gordolobo, por exemplo, ademais de moi sensible á humidade ambiental (higroscópica), perde doadamente a súa cor se descoidamos o proceso do secado. As partes a secar deben colocarse en capas finas, bandexas ou caixas de madeira que dispoñan de ocos por onde circule o ar; isto é especialmente importante se as caixas se van amontoar. Se o volume de plantas a secar é moi alto, aconsellase dispoñer de estantes que permitan removelas, có obxecto de que o secado sexa proporcional en todo o conxunto. Non se aconsella deposita-los productos directamente sobre do chan, nin tampouco sobre follas de papel impreso coma xornais ou revistas; debe utilizarse sempre papel branco e moi limpo.
Almaceamento e conservación: Para o almaceamento deben evitarse as bolsas e caixas de plástico. Si son cantidades moi importantes utilizaranse sacos de papel, caixas forradas de papel tratado, ou sacos de tela; sempre protexidos da luz e da humidade. Periodicamente débense revisar as plantas almacenadas, comprobando calquera alteración no nivel de humidade, mofo, insectos, etc. Se desexa conservar as plantas enteiras, poden secarse a xeito de mollos, atándoas xuntas po-los estremos cortados e colgándoas coas flores boca abaixo próximas a unha corrente de ar seco, por exemplo unha fiestra, ou simplemente ao ar libre. Este sistema é o utilizado normalmente para as flores secas coma cardos ou semprevivas). Existen especias que deben preservarse da luz pola súa especial sensibilidade, é o exemplo das sementes do cólquico, raíz de ruibarbo ou glándula de lúpulo. Igualmente, algunhas outras perden doadamente a súa cor inicial si se descoida o proceso do secado, como é o caso do gordolobo. O secado de sementes e froitos non adoita dar problemas, xa que son escasos en auga; nembargantes, determinadas especia son especialmente sensibles á humidade ambiental (as chamadas higroscópicas), por iso, unha vez desecadas deben conservarse en tarros de vidro escuros con tapas tratadas quimicamente e ben pechados; ademais, non deben conservarse por tempo superior a un ano; especias higroscópicas son por exemplo, o malvavisco, flor de gordolobo, fieito macho, raíz de perexil, raíz de anxélica, etc. As plantas que conteñen aceites esenciais débense tratar con especial coidado. Unha vez que teñan entrado no proceso de secado deben conservar sempre intactas as partes aéreas, incluso durante o seu almaceamento, o que non deberá superar mais dun ano.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios