Nota de prensa do BNG: O BNG DENUNCIA OS IMPEDIMENTOS DA XUNTA NO ACCESO Á INFORMACIÓN RELACIONADA COA TRANSICIÓN XUSTA

As Pontes e Galiza deben estar por encima dos intereses partidistas e privados con privilexios

As Pontes, 06 de abril de 2021.- As decisións que está a tomar a Xunta, por acción ou por omisión, no contexto da chamada transición xusta teñen importantes consecuencias, presentes e futuras, non só no ámbito público do interese xeral senón tamén no contexto dos beneficios privados; e aínda que deberían primar os primeiros sobre dos segundos, sobre de todo para un Goberno que debe atender as demandas, neste caso inaprazables, das súas xentes, non é así para o PP. E os feitos así o sinalan.

Coñecedor da dependencia actual da aprobación dos parques eólicos no desenvolvemento dos proxectos enerxéticos alternativos á central térmica, como é o caso do hidróxeno, e, polo tanto, no futuro económico, industrial, laboral, e social das Pontes, o BNG solicitou en agosto de 2020 ter acceso aos expedientes dos novos parques situados, total ou parcialmente, no Concello, segundo a información oficial do Rexistro Eólico de Galiza, nomeadamente os denominados Forgoselo, Tesouro, e Pico Ventoso, todos eles competencia da Xunta, así como á información dispoñíbel sobre doutros proxectos no trámite de consulta pública da avaliación ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica.

A potencia eólica instalada actual no concello das Pontes é duns 119 MW, mentres que outros 230 MW están en proxecto, nas fases de tramitación ou de aprobación, potencia que se triplica ao considerar outros parques fóra do termo municipal pero relacionados con proxectos locais de futuro.

Pois ben, semella que será preciso provocarlle o parto á Consellaría de Industria, xa que logo de nove meses non foi quen de posibilitar o acceso á información solicitada polo BNG, superando, con moito, calquera prazo legal estabelecido e desprezando os dereitos básicos, individuais e políticos, dunha sociedade supostamente democrática.

As preguntas sen resposta son variadas: que oculta a Xunta? Que dereitos defende? Os intereses xerais? Ou os particulares dalgunha empresa eólica con portas xiratorias para algunha exconselleira?

As Pontes demanda compromisos concretos na defensa do seu futuro, e a Xunta ten a obriga de darlle resposta, inmediata, urxente, e, sobre de todo, transparente.

Asemblea Local do BNG das Pontes

También podría gustarte
Comentarios