Nota de Prensa CIG: A CIG presentará un recurso diante do TS contra o RD 1221/2010, máis coñecido como Decreto do Carbón

* Solicitará unha entrevista co Ministro de Industria para negociar a súa modificación e de non obter resposta advirten que se incrementarán as medidas de presión social
* Propón distribuír de xeito proporcional ao seu peso no mix de xeración –entre todas as tecnoloxías de produción eléctrica- a cota política do 9%, para limitar os seus efectos negativos para a produción eléctrica en Galiza
Representantes da federación de Químicas e Enerxía da CIG e representantes dos traballadores/as de Meirama, Endesa-As Pontes e Sabón, tamén da CIG, compareceron en rolda de prensa para denunciar que a aplicación deste Real Decreto significará a paralización case que total das Centrais de carbón importado de Meirama e As Pontes, e tamén incidirá nun menor funcionamento das de Ciclo Combinado de Sabón e As Pontes.


Por iso, anunciaron que a CIG, sindicato maioritario no Sector Eléctrico en Galiza e nas tres centrais eléctricas de Meirama, Sabón e As Pontes, presentará un recurso, diante do Tribunal Supremo, contra o Real Decreto 1221/2010, máis coñecido como Decreto do Carbón, pedindo en primeira instancia a súa suspensión cautelar, en base aos sucesivos informes contrarios da Comisión “Nacional” da Enerxía e da Comisión “Nacional” da Competencia.
Entrevista co Ministro de Industria
Como sindicato maioritario no Sector, adiantaron que solicitarán unha entrevista urxente co Ministro de Industria, e a apertura dunha negociación para a posíbel modificación deste Real Decreto. No caso de non ter resposta por parte do Ministerio, nun prazo de tempo prudencial, advertiron que a CIG irá incrementando progresivamente as medidas de presión social.
Proposta de modificación do Real Decreto
A proposta de modificación do Real Decreto que defende a central sindical, consiste en distribuír, de xeito proporcional ao seu peso no mix de xeración, entre todas as tecnoloxías de produción eléctrica: Hidráulica, Nuclear, Carbón Importado, Ciclos Combinados, Fuel e Renovábeis, a cota política do 9% asignada ao Carbón Español, de xeito que o impedimento para producir non sexa soportado fundamentalmente polo Carbón Importado e polos Ciclos Combinados, limitándose así os efectos negativos que este Real Decreto ten para a produción eléctrica en Galiza.
Compostela, 7 de outubro de 2010
Confederación Intersindical Galega

También podría gustarte
Comentarios