Nota de prensa BNG: O BNG INTENSIFICA A RECOLLIDA DE SINATURAS PARA A DERROGACIÓN OU MODIFICACIÓN DA LEI DE AUGAS DE GALIZA.
O BNG pechaba onte á noite a primeira parte da súa campaña informativa sobre da lei de augas aprobada polo PP na Xunta, cun acto na Casa Dopeso que contou coa asistencia de veciños e veciñas non só das Pontes senón tamén doutros concellos. A Parlamentar do BNG Isabel Sánchez e o Responsábel Comarcal Francisco da Silva explicaron a tramitación e o contido da nova lei na súa parte impositiva e responderon ás moitas preguntas formuladas polos asistentes.
O importante incremento do custo dun servizo básico e a súa aplicación xeneralizada con independencia da titularidade pública ou privada (pozos e traídas) ou da residencia (urbano ou rural), sen contemplar a situación económica ou laboral foron algúns dos aspectos que motivaron a maior parte das intervencións. Tamén se subliñou a ausencia de información quer pola Xunta quer polo Concello, administración que deberá cobrar os novos impostos, o que fai máis difícil de comprender o seu desleixo e pasividade.
Os participantes no acto asinaron e levaron follas de recollida de sinaturas dirixidas ao Presidente da Xunta, pregos que o BNG distribuirá por establecementos da localidade. Coa mesma finalidade, o voceiro do grupo municipal nacionalista rexistraba hoxe unha moción na que, ademais de instar á Xunta do PP a modificar a lei de augas, tamén contempla a modificación do Decreto do Carbón e a retirada da subida da luz e gas decretada polo goberno do PSOE no Estado, aspectos que fan dos galegos e galegas dobremente pagáns, xa que pagamos a electricidade máis cara e as nosas centrais deixarán de producir por unha decisión política.
Asemblea Local do BNG das Pontes