O FREIXO E O APARRAL NOS SÉCULOS XVII-XVIII E XIX
Nas segunda conferencia das III Xornadas de Estudios Históricos acompañaranos o profesor José Luis Novo Cazón, actual presidente do Instituto de Estudos Chairegos, para achegarnos á relación entre a historia de Vilalba e a de As Pontes.
Empregando abondosa documentación na que leva traballado e afondado dende fai anos, amosaranos o intercambio entre ambas poboacións ó longo da súa historia. Vai a presentarnos varios constructores, persoeiros chairegos e ponteses responsables de moitas pegadas que se foron marcando no noso pasado.
E levaranos a unha fermosa viaxe por moitos datos, recompostos coa paciencia de quen realiza un arduo puzzle, e que reunidos nos revelan que o Freixo foi certamente un lugar moi importante, cheo de vitalidade, ubicado nun camiño real, fortalecido polos arrieiros e señores de Solloso e Montenegro. Descubriremos que os fermosos rincóns hoxe esquecidos da Pena de Francia e do camiño a Ambosores, foron cruciais para aquelas xentes, e para a historia de moitas outras vilas.
Faranos intuir un pouquiño que aquela era unha sociedade viva e con movemento, no que os intercambios culturais e de traballo poñían ós habitantes das vilas en comunicación estreita e compartida cos seus veciños.
Achegarémonos ós muiños de O Aparral, á súa xestión, ás tabernas, ós cereiros, á producción do mel, ás cofrarías, ós fidalgos… Comprendendo que esta parroquia hoxe do Concello de As Pontes era entón propiedade do Condado de Vilalba.
Estamos todos convidados a escoitar a un doutor en historia que sabe narrala utilizando a linguaxe que a fai comprensiva a todos, sen deixar de outorgarlle a profundidade do pensamento. Agradecémoslle a súa tarefa de terse sumerxido con humildade en tantos arquivos para legarnos os datos que nos achegan ó noso pasado. E queremos valorar o esforzo que dende o Instituto de Estudios Chairegos están a realizar pola promoción da historia local. A súa referencia aléntanos ós que coma Hume comezamos ainda fai tres anos.
Xabier Martínez