Entrevista ás pontesas Nuria Castro e Sabela Pernas, autoras do documental ‘Ciclo Combinado’

Nuria Castro e Sabela Pernas son dúas xoves pontesas que veñen de gaña-lo primeiro premio no Certame Galego de creadores novos, chamado “Galiza Crea“, no eido audiovisual.
Puxémonos en contacto con elas pra saber un pouquiño máis do seu documental: Ciclo Combinado.


1. Primeiro de todo, noraboa polo premio que acabades de recibir. ¿Poderiades presentarvos?
Sabela: Chámome Sabela Pernas Soto, teño 24 anos, estudiei na Escola de Imaxe e Son de A Coruña o ciclo superior de Realización, logo a licenciatura de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, que rematei en xuño, e actualmente estudio un posgrado na Kingston University en Londres.
Nuria: Nuria Castro Prieto, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, actualmente curso o segundo ano dun ciclo superior de fotografía artística en Barcelona, na Escola Serra i Abella ( Hospitalet de Llobregat).
2. Pra os que non temos nin idea do asunto, explicádenos brevemente en que consiste o documental “Ciclo Combinado”.
Sabela: É unha curtametraxe documental que trata sobre o impacto de Endesa en As Pontes, dende un punto de vista sociolóxico, intentando mostrar as súas consecuencias dende moi diversos testimonios, tocando temas como o desarraigo, as prexubilacións, o futuro,..
Nuria: O documental responde, nun primeiro lugar; a un vínculo coa nosa experiencia vital en As Pontes, en xeral a grandes rasgos, poderíamos velo coma unha pequena análise social, económica e política da situación actual do pobo, tralo impacto industrial e medioambiental que supón a implantación de diversos núcleos productores de enerxía.
3. Algúns realizadores só buscan entreter, outros fano por afán recaudatorio, outros por vocación, outros buscan o recoñecemento do público, outros buscan a crítica como forma de cambio positivo, outros gaña-lo Óscar… ¿Cal é o obxectivo final do documental “Ciclo Combinado”?
Sabela: A verdade é que nunca tivemos claro un obxetivo final, cando tivemos a idea o obxetivo era facelo, cando o estabamos facendo o obxetivo era acabalo, e agora supoño o noso obxetivo é que o vexa o maior número de persoas, empezando polos ponteses.
Nuria: Gañalo Goya, non?, bueno, é unha maneira de traballar o medio audiovisual dende unha historia común. Para min é a primeira experiencia con este medio, gústame a idea de dar a coñecer o lado industrial da nosa terra, o outro lado, do que pouca xente coñece, o noso pequeno Springfield, con todo o que suxire e abarca o tamaño da construcción arquitectónica o carón do mausoleo do carbón.
4. ¿Tiñades algunha outra idea en mente pra este proxecto?
Sabela: Non, esta idea xurdíu co pretexto dunha materia de documental que tiña eu na facultade. Nuria e eu vivíamos xuntas e comenteille a posibilidade de facer algo sobre As Pontes. Era o que mellor coñecíamos e o que nos apetecía contar, pois pensabamos que era unha historia que podería resultar interesante.
Nuria: A verdade é que non, foi bastante contundente, e producíuse como resultado final dunha combinación de sucesos moi intensa, dende a rodaxe ata os diversos microtemas que se foron dando, todos daban pé a un artellamento de producción e acción, a un ciclo combinado.
5. ¿Que supón pra vós gañar este premio?
Sabela: Unha alegría moi grande e totalmente inesperada! Agora as consecuencias estan por vir, pero creo que axudará moito a que teña unha maior distribución e exhibición.
Nuria: De entrada un momento moi emotivo, e a longo prazo, un impulso para continuar traballando no tema, dende o noso entorno, e co apoio de tódolos ponteses, sen os cales isto non existiría.
6. ¿Poderemos os ponteses e pontesas ver algún día este documental no Alovi?
Sabela: Eso esperamos, estamos vendo a ver se podería ser este Nadal. Xa vos contaremos.
Nuria: Por suposto, no Nadal esperamos poder proxectalo no Alovi, xunto con máis produccións da escena audiovisual pontesa.
7. A palabra “documental” moitas veces implica tintes críticos, ou, cando menos, unha visión persoal ou íntima do tema que se trata. ¿Custa poñerse dacordo nese senso có resto de conformantes do equipo?
Sabela: Este tipo de traballos sempre levan unha gran traballo de coordinación. Nuria e eu discutimos moito antes, para saber como queríamos enfocar o tema, e durante a montaxe á hora de seleccionar os testimonios. Os traballos de equipo ás veces non son fáciles, pero para min sen dúbida son moito mais reconfortantes e interesantes.
Nuria: Sempre custa poñerse dacordo, pero da discusión, a miúdo saen cousas boas. Sabela e eu compartimos visións comúns dunha mesma historia, pero con puntos de vista diferentes, o cal produce unha mirada cando menos interesante.
8. ¿Tedes medo do que a crítica ou a xente poida dicir do voso documental e da vosa forma de ve-las cousas?
Sabela: A min gustame escoitar as opinións de todos, as boas e as malas, apréndese moito. Nos somos as primeiras en ter unha mirada critica sobre o noso traballo, sabemos moi ben recoñecer os nosos erros. De eso se trata, de telos, velos, e arranxalos para a seguinte. Esta documental era a primeira que faciamos as dúas. O noso primeiro traballo xuntas, e por separado, e evidentemente quedanos infinito por aprender.
Nuria: Iso existe sempre que un se expón ó público, pero supoño que tamén é premeditado, o causar un estímulo nos espectadores é sempre bó, como dixo alguén, que falen de min, mal ou ben, pero que falen.
9. ¿Volveredes a tocar temática pontesa nun futuro?
Sabela: Nun plazo corto non, porque actualmente as dúas nos atopamos lonxe de As Pontes. Pero a idea de seguir traballando nesta tematica non esta descartada.
Nuria: Si, de feito temos un proxecto fotográfico en marcha.
10. Xa que falamos con dúas realizadoras, a pregunta do millón é: ¿Cal é a vosa peli favorita?
Sabela: Eu non podería dicir unha. Resúltame imposible. Hai moitas…
Nuria: Sería complicado respostar unha soa. In the Mood for love, é unha delas, gústame máis falar de directores que de películas, non sei, nunca tiven moitas cousas favoritas, gústanme varias á vez, non creo na exclusividade.
11. Imaxinade que un día triunfades neste mundiño e vos convertedes nunhas realizadoras de renome a nivel nacional ou mundial. ¿Que vos parecería que a xente se descargase os vosos traballos no emule?
Sabela: A verdade é que nunca pensei neso, pero non me importaría. Penso que as cousas fanse para que a xente as vexa, senon perden o sentido, e se ese e un bo medio para que chegue a un maior numero de persoas,pois adiante.
Nuria: Pois ben, tendo en conta como estan as cousas agora mesmo, non vou negar que é un medio de difusión importante, rápido e barato, a cuestión é que a xente quera baixalo, e o teña archivado no seu ordenador non si?, supoño que visionalo non é tan importante como coñecelo.
12. Este traballo fixéstelo xuntas. ¿Védesvos nun futuro formando un tandem ao estilo Victorio&Luchinno versión realizadoras?
Sabela: Ja, ja, ja… eso nunca se sabe. Nós fixemos esto porque queriamos e porque nos gusta. Nun futuro xa se verá,..
Nuria: Bueno, a pesar das nosas múltiples tensións para traballar en equipo, estou segura que podería ser perfectamente factible.Entendemonos a moitos niveis, aínda que a outros non, e tratándose de comunicación, todo pode resultar.
13. ¿Cales son os vosos plans nun futuro a curto-medio prazo?
Sabela: Eu estarei un ano aquí en Londres, facendo este curso, que se trata de facer moitas curtas, así que espérame un ano de moitos proxectos.
Nuria: Eu espero rematar este ciclo, e?bueno por planexar, gustaríame buscarme un lugar no eido fotográfico, non sei, e no audiovisual, por que non, pero sempre poder seguir procesuando planes novos, e descubrindo historias e miradas, creando novos soños.
14. Pra rematar, fágovos unha pregunta máis. A pregunta número 14, pra non quedar con 13. Digo isto porque na tele, no cine, etc. parece que hai moita superstición. ¿Sodes supersticiosas vós tamén?
Sabela: Eu teño as miñas pequenas manías… non son supersticiosa 100%, pero digamos que hai certas cousas que as tomo moi en serio.
Nuria: Pois tiña un gato negro, e paso por debaixo de tóda-las escaleiras que atopo, non sei, o número trece non me agrada, pero máis por que é impar , que por outra cousa, gústanme os números pares.
Nuria – Agradecementos os meus pais, por quererme e aguantarme, o pobo das Pontes pola colaboración e brindis de perspectivas, e a tod@s os que están ahí cando se precisa dunha conversa e un café.

Noraboa ás dúas!

Ciclo Combinado proxectarase hoxe en Boiro no“Acción! Festival de cinema novo” a partir das 21.00h
Contacto:
Sabela – sabelapernasoto@hotmail.com
Nuria – indiahai@hotmail.com

También podría gustarte
Comentarios