Nota de prensa BNG: OLALLA RODIL: “O CONSELLEIRO FAI ESCAPISMO DESPOIS DA DESAPARICIÓN DO CPI MONTE CAXADO”
“Creou un problema onde non o había e agora vaise de vacacións”
As Pontes, 02 de agosto de 2017.- A deputada do BNG Olalla Rodil visitou as instalacións do CPI Monte Caxado e mantivo unha reunión coa ANPA e co grupo de traballo “As Pontes co Ensino Público”, para analizar, en conxunto, o estado actual do conflito creado pola Consellaría de Educación o último día lectivo.
A representación de nais e pais trasladáronlle á parlamentar nacionalista a súa indignación pola decisión da Xunta, que, ademais dun despropósito e unha chapuza, é un novo ataque ao ensino público, un paso máis na modificación da Rede de Centros das Pontes, feita á base de decretazos, sen permitir a participación da Comunidade Educativa, coa que non é quen de dialogar.
Tamén trataron algunhas das múltiples dúbidas sobre da aplicación do decreto, nalgúns casos claras e evidentes imposicións, ou mesmo impedimentos para a súa posta en marcha, dúbidas que terán que esperar a súa resposta até setembro, a pouco de comezar o novo curso; algunhas delas non a terán, xa que a resposta implica actuacións e decisións por parte da Consellaría que necesiten dun tempo para a súa implantación.
Diante da preocupante situación e da súa importancia, e evidenciada a incompetencia do Conselleiro de Educación –que tamén ocultou información ao Parlamento-, a deputada do BNG reclamou a intervención do Presidente da Xunta.
Olalla Rodil trasladou, máis unha vez, o apoio do BNG a todas as reclamacións da Comunidade Educativa das Pontes, puxo á súa disposición o traballo do Grupo Parlamentar, e animou a manter a imprescindíbel e necesaria unidade de acción, non só no ámbito local, mais tamén no do País, no que outros Centros están afectados polas políticas do PP na Xunta que pecha colexios públicos mentres dá máis de 1,5 millóns de euros públicos para centros privados-concertados até o 2023.
Asemblea Local do BNG das Pontes