Amigus
As Pontes

O TEMPLO PARROQUIAL DE AS PONTES (2ª Parte: Escultura e Imaxinería)

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

No pasado artigo presentaba a Construcción do templo parroquial de As Pontes, e neste segundo artigo quero adicalo ós autores e épocas en que se realizaron os retablos e imaxes da parroquia de As Pontes. Ata o momento non existían datos que nos aportaran a autoría de todas estas obras, e foi posible gracias á lectura pormenorizada de todo o fondo documental parroquial da rectoral de As Pontes e de todo o fondo documental parroquial depositado no Arquivo Diocesano de Mondoñedo. A vindeira semana centrareime fundamentalmente nas obras que se realizaron neste templo no século XX.

retablo_banner.jpg


O RETABLO MAIOR
RETABLO MAIOR DA PARROQUIAL DE AS PONTES, AUTOR: JUAN THOMÁS RODRÍGUEZ DE SANTIAGO. ANO DE 1752. ESTILO BARROCO. (PARTE SUPERIOR) – fotografía Fabián –

retablo-parte-superior1.jpg

Do que lle precedeu sabemos que en 8 de Xuño de 1655 informouse ó Bispo “de la pobreza de la fabrica desta Yglesia y reparando la necesidad que aideqe se dore Un Retablo qe esta echo para el altar mayor qe dexo el li(do) Gonzalo diaz de Aguiar y Pardo Cura que fue de esta frª”. Ordénase que se dore ese retablo e que, no caso de non chegar o diñeiro, o poñan os “Becinos”. (Cf. Cofraría do Santísimo, libro I, 1645-1725).
CORPO SUPERIOR DO RETABLO, ONDE PODEN EXISTIR ELEMENTOS DUN RETABLO ANTERIOR
cuerpo-arriba.jpg

Na anterior “Capela Maior”, houbo, polo tanto, un altar previo ó actual adicado tamén á Nosa Señora, tal e coma di o libro de Fábrica I, no folio 44 ó referirse a unha sepultura da señora Ana Amarelo construída no 1733. Sobre esa “Capela Maior” sabemos que foi pintada no 1656, probablemente ó mesmo tempo que se dorou o retablo (Cf. Cofraría do Santísimo, libro I).
En 1698 pintouse ese primitivo altar de novo, aportando a Cofraría do Santísimo 150 reais.
ANXO CON ANAGRAMA MARIANO

anxo_anagrama.jpgEn 1752 constrúese un novo retablo costeado por tódalas cofrarías (o actual) aportándose ó escultor 500 reais para a madeira dende a Cofraría do Santísimo. No 1753 entréganse dende esta mesma Cofraría 900 reais, sendo crego don Faustino Santhomé Aguiar, e mayordomo Juan Lopez de la Uceira “que constan a Dn Juan Thomas Rdguez de Santiago Mro escultor del Retablo de esta Yglesia”.

QUERUBÍN 1

querubin.jpgUn ano máis tarde (1754) a Cofraría do Santísimo entrega ó escultor 1065 reais.
Sabemos que en 1765 tivo fixados 22 candeleros de ferro “que compró para fixar en el retablo para de la Iglª pª poner las luces quandoesnecesario” (Cf. Libro Cofraría do Santísimo).

QUERUBÍN 2

querubin-2.jpgPolo tanto, o autor deste fermoso retablo e Juan Thomas Rodríguez de Santiago, pero estas obras tan costosas facíanse a prazos, e quedou sen pintar ata 1771 en que o faría Dn Antonio Enrique de Prado, ó que a Cofraría do Santísimo lle aportou 700 reais. Este pintor participou nas puxas de lá que se levaron a cabo nese ano, polo que sabemos que en 1771 mercou “dos libras de lana, que se pujan y las tomó el pintor del retablo”. No libro de contas da Capela de San Vicente de Pontoibo (inédito, 1741-1854) aparecen 600 reais que se aportan dende esa capela de Pontoibo y “que entregó (Joseph do Castro, maiordomo) a Dn Antº Enrique de prado pintor del retablo mayor de dcha parrochia que seaecho entre las Cofradías”.

FLORERO DO RETABLO MAIOR

florero.jpg Dez anos despois, en 1781, aparece un pintor de retablos da parroquia – éste pintou os retablos laterais- chamábase D. “Manuel Bidal y Aguiar”, ó que se entregaron “669 rs al Maestro de pintar D. Manuel Vidal y Aguiar Retablos que a de pintar en esta Yglesia”. Dende a Cofraría do Rosario aportáronse en 1781 a este mesmo pintor “230 rs y 17 mrs que entregó a Manuel Vidal y Aguiar Pintor, pª aiuda de pintar los dos retablos” (Cf. Libro da Cofraría do Rosario). Manuel Vidal y Aguiar foi un pintor veciño e morador da vila de Viveiro. Traballou con outro Vivariense, Manuel Moure, no dourado e pintura do retablo da Virxe das Dores da Terceira Orde de San Francisco de Viveiro. O coste da obra da Orde Teceira de Viveiro foi de 4.600 reais, segundo o protocolo de Jacinto Antonio Caxete (1767 e 1770), folio 5. (Cf. José Couselo Bouzas, Galicia Artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX, Publicaciones del Instituto Teológico Compostelano, Collectanea Científica Compostelana, 18, Santiago de Compostela 2005, 650 p).

COLUMNA SALOMÓNICA DO RETABLO MAIOR

columna-salomonica.jpgNa actualidade o retablo non se atopa decorado coa primitiva pintura senón que en 1880 foi repintado, tal e como aparece no Libro de Fábrica da Parroquia, tendo un coste de 1620, 93 pts. Non temos o datos de ese pintor, pero sí sabemos que esa foi unha época de repintes nas imaxes, dado que no 1881 aparecen, no libro de fábrica parroquial, o retoque e dourado das imaxes de Santa Bárbara, Ánimas do Altar das Dores, Santo Domingo e San Vicente, pagándose por todo 430 pts, e repintándose tamén as imaxes de San Juan Neponuceno (xa non existe na parroquia), San Caetano e Santa Lucía.

ESTÍPITE DO RETABLO MAIOR

estipite.jpg Sobre este retablo maior don Enrique Rivera Rouco escribiu no seu libro e ubicouno no século XVI (pode que algunha parte do retablo na parte superior fose reaproveitado do antigo retablo), nós hoxe ubicámolo no 1752, e poñémoslle un autor (Juan Tomás Rodríguez de Santiago). Así o contou don Enrique: “Corona la nave el retablo mayor, de estilo barroco y de gran valor. Según varios técnicos que lo examinaron (entre ellos el ingeniero Moreno Osuna), fue construido a mediados del siglo XVI. Comprende este retablo la mesa del altar con columnas de rollo y un primer tramo-base decorado con hojas serpenteantes, cabezas de esfinge, modillones barrocos, etc. El segundo tramo destaca por su belleza; contiene columnas salomónicas y prismáticas, expositor con cúpula plateresca, dos imágenes en sendas hornacinas, con repisa barroca y coronación en arco semicircular; tales imágenes representan a San Pedro y Santiago Apóstol y ostentan igual antigüedad que el retablo. El fondo de este tramo hállase ornamentado con follajes y grutescos variados y, en su parte superior presenta alto-relieves de varios ángeles, dos de ellos de los cuales coronándole. El conjunto de esta última parte o coronación del retablo es semicircular, de sabor plateresco o renacentista, pero con los elementos barrocos: Dos maceteros o ánforas de imitación griega, varios grutescos, el más alto con cruz central. Se nota, pues, la mezcla de renacentista y barroco propio de aquella época de transición (mediados del siglo XVI). Asimismo puede apreciarse en todo el conjunto frondas, cardinas y otras variedades ornamentales, siendo su resumen un retablo de considerable mérito artístico”.
Hai algo moi curioso sobre este retablo que é a economía dos materiais na confección de estas pezas. Non somos nós os invetores do reciclase, nin vamos a inventar nada novo cos “ciclos combinados”. O autor do retablo reaproveitou unhas portas vellas para construir algún dos panos do retablo. Así o descubrimos cunha ollada polo anverso do retablo (ver fotografía).

REAPROVEITAMENTO DE VELLAS PORTAS PARA A CONFECCIÓN DALGUNHA PARTE DO RETABLO.

porta.jpg

IMAXES
No retablo maior atopámonos con catro imaxes. Unha delas é a de Santa Lucía (1741), e está colocada no camarín da custodia sobre o Sagrario.
IMAXE DA VIRXE DA ASUNCIÓN. ANTIGA PATROA DE AS PONTES. SÉCULO XVII?
virgen-de-los-angeles.jpg

Con maior tamaño están as imaxes da Virxe da Asunción, que se atopa na parte máis alta, e que foi a patroa de As Pontes. Ainda que esta imaxe chegou a procesionar, non ten un corpo de bulto redondo, senón que foi realizada para estar adosada a un retablo. Non está tallada polo anverso. É probable que proceda do retablo vello e que fose retocada con posterioridade. Nun principio atoparíase a menor altura, e logo sería elevada ó actual lugar. Festexábaselle coma Nosa Señora de Agosto ou coma Nosa Señora dos Anxos.
No lado esquerdo e dereito do retablo, respectivamente están San Pedro e Santiago Peregrino, realizados para o retablo por Juan Thomás Rodríguez de Santiago no 1752. A expresividade dos rostros está envolta de tenrura, e manifestan certa ledicia.
IMAXE DE SAN PEDRO. AUTOR: JUAN THOMÁS RODRÍGUEZ DE SANTIAGO. 1752.
san-pedro.jpg

IMAXE DE SANTIAGO PEREGRINO. AUTOR: JUAN THOMÁS RODRÍGUEZ DE SANTIAGO. 1752.
Santiago.jpg

RETABLOS LATERAIS
Nos libros parroquiais non figura o autor dos retablos laterais, pero sabemos que foron decorados polo pintor de Viveiro Manuel Vidal de Aguiar. O feito de que este autor traballase con Manuel Moure, faime sospeitar a posibilidade de que o autor fose éste. Son algo posteriores ó retablo maior e pertencen ó estilo neoclásico.
RELEVO DE SAN ANTONIO NA MESA DE ALTAR DO RETABLO DO SAGRADO CORAZÓN
IMAG0043.jpg

O do Cristo do Sagrado Corazón tén a San Antonio nun baixo relevo na mesa do Altar, o que nos fai referencia a que ésta era a Capela de San Antonio, mentres que o outro retablo ten un baixo relevo mariano e chama a atención a predela de Ánimas con San Francisco (non é Santo Domingo) da parte superior que parece un engadido que estaría a ocultar un camarín para un santo coma no outro altar.
FOTO RETABLO LATERAL DO CRISTO DO SAGRADO CORAZÓN
retablo2.jpg

No retablo do Sagrado Corazón atópanse as imaxes dunha virxe do Carme, dun San Xosé e dun San Antonio, todas do XIX. No centro o Cristo do Sagrado Corazón, obra do Compostelán José Rivas, que no ano 1950 sustituíu a un máis antigo que viñera a finais do XIX dende Cuba.
FOTO DO RETABLO LATERAL DA VIRXE DAS DORES
retablo1.jpg

No retablo da Virxe das Dores, están Santo Domingo de Guzmán e Santo Tomás, todos do século XVIII. A imaxe da Virxe das Dores é unha imaxe articulada de vestir, pero o rostro pode provir do século XVIII. Foi retocada no 1946 na Coruña por 140 pts.
CRISTO XACENTE OU DO DESENCRAVO (FOTO NA EXPOSICIÓN MEMORIA SANTA)
cristo-xacente-de-desencrav.jpg

1742 Realizouse o Cristo Xacente ou de desencravo, ó mesmo tempo que se fixeron roupas para a Virxe (Cf. Fol 8v. Libro de Fábrica 1). Este Cristo ubicouse nun altar do Santo sepulcro, que é citado con motivo do soterramento de Pedro Carballal (cf. Fol 46 v), máis abaixo de dito altar. A Capela do “Santo Christo” foi reconstruída polo maestro arquitecto e canteiro da Igrexa de As Pontes don Salvador Lepina, que o 6 de Setembro de 1760 foi soterrado na Capela Maior da Igrexa, despois de “aver caido de una escada dela Capilla, que fabrico del Santo Christo estando (recebándola) de cal, cuia causa…”(Cf. Libro de Defuncións II, Fol 87).
SAN SALVADOR DE ILLADE (ver artigo de Capela de Yllade) Construido no 1741 para a capela de nome homónimo.
Imaxe-San-Salvador-1741.jpg

SANTA BÁRBARA. SÉCULO XVIII.
IMAG0031-1.jpg

SAN ROQUE
IMAG0036.jpg

Autor: Juan Thomás Rodríguez de Santiago (1750-1755). Responde a unha moi antiga cofraría de San Roque e San Caetano, razón pola que está colocado onde San Caetano na actualidade.
Repintado en 1941 por 25 pts.
SAN CAETANO. Século XVIII
IMAG0037.jpg

Ata eiquí presenteivos os datos máis salientables que se conservan no arquivo parroquial e diocesano acerca da imaxinería do XVII ó XIX. A continuación quero presentarvos a imaxinería relixiosa de As Pontes no século XX, reproducindo parte dun artigo que publiquei no libro das festas do Carme do 2006. A vindeira semana mostrareivos máis datos salientables sobre a parroquia de As Pontes, xa no século XX.
Xabier Martínez, nos derradeiros intres do Círculo Lítico.
“Imaxinería Relixiosa de As Pontes no século XX. Francisco Xabier Martínez Prieto. Revista das Festas do Carme 2006, 133-137 pp.
(…) A imaxe do Cristo do Sagrado Corazón é demasiado grande para o retablo no que se atopa. Veu a sustituir a outro orixinal que fora unha doazón realizada desde Cuba a finais do XIX.
O autor deste alegre e fermoso Cristo foi Don José Rivas Rodríguez (1885-1950). É posible que fose a súa derradeira obra. É o máis destacado escultor de imaxinería relixiosa en Galicia no século XX. Destacan as súas tallas para a Semana Santa de Viveiro e tamén para a de Santiago de Compostela e incluso a de Daimiel (Cidade Real).
José Rivas estudou na Escola de Artes e Oficios de Santiago e traballou nos obradoiros de Máximo Magariños e Ramón Núñez. En 1909 estableceuse pola súa conta e montou o seu propio obradoiro en Santiago que en 1936 se trasladou á Rúa da Enseñanza nº 11. Actualmente segue a funcionar dirixido polos seus fillos que conservan grande número de maquetas e fotografías da obra do seu pai. Durante a Exposición Universal celebrada en Santiago concedéronlle o premio do Rei pola obra “Huyendo del Peligro”. No seu obradoiro traballaban máis de 50 operarios antes da república. Co tempo, deles sairán os máis importantes imaxineiros de Galicia. A súa obra é moi extensa, incluso creou un tipo de Virxe do Carme Mariñeira, sendo a primeira para Cedeira (Cf. Manuel E. García Barreiro. Historia de los hechos que originaron la construcción de imágenes de la Virgen del Carmen Marinera por el imaginero santiagués José Rivas y sus hijos durante el siglo XX. Moaña 9 de Julio de 2004).
José Rivas traballaba principalmente a madeira, primeiro realizaba unha maqueta de barro e logo a reproducía en escaiola, correxindo posibles defectos. Foi un artista extremadamente perfeccionista e imaxinativo (non copiaba a ninguén) (Cf. Begoña Fernández García, La imaginería religiosa en la Semana Santa de Viveiro, Servicio de Publicaciones, Deputación Provincial de Lugo. Lugo 2000, 48 p.).
Utilizaba un modelo de rostro de Cristo creado por él mesmo. No caso do Sagrado Corazón de As Pontes atopámonos coa referencia do Cristo do paso de “La Borriquita” de Viveiro (1947), que José Rivas realizara tres anos antes que o de As Pontes, que é de Marzo de 1950.
A obra mercouse con cartos dados por sesenta e oito vecinos da parroquia. Realizouse en madeira de castiñeiro e tivo un coste total de 4257 pts. que foron pagadas en varios prazos. Non se trata da única obra que Rivas realizou para As Pontes, senón que xa no 1934, cobrara 1000 pts por unha talla de madeira da Virxe do Rosario, que se atopa na actualidade no coro da parroquia.
Dos obradoiros dos seus descendentes chegaría tamén en 1963 un Ecce Homo que procesionaba no Venres Santo, e que na actualidade se atopa na Igrexa da Vilavella, realizado en cartón pedra e que tivo un coste de 5060 pts. (Cf. Libro de fábrica. Parroquia de Santa María de As Pontes).

IMAXE DE SANTA RITA DA SACRISTÍA DA IGREXA PARROQUIAL. ANGEL RODRÍGUEZ (1900-1996) JOSÉ PUENTE OTERO (1912-1955)
Estes dous autores formáronse no obradoiro compostelán de Máximo Magariños e traballaron con José Rivas. Co tempo formaron o seu propio obradoiro que estivo na rúa da Azabachería, nº 33 de Santiago. A obra destes dous autores caracterízase polo seu eclecticismo, inspirándose principalmente na obra de Gambino e Ferreiro (Cf. M. Begoña Fernández García, o.c., 49 p).
Realizaron a imaxe de Santa Rita, iconográficamente o nome desta Santa deriva de Santa Margarita (Cf. Mª Sonia Vispo Seoane, Monasterio de Concepcionistas franciscanas de Viveiro, Deputación de Lugo-Concello de Viveiro, 2001, 84 p).
Esta imaxe foi mercada no ano 1939 e o seu nimbo e suplemento foron traídos do obradoiro de Rivas. Detrás desta imaxe está a memoria de Dona Rita Rivera Chao, veciña da Avenida de Galicia, nº 11, a quen todos coñecemos pola cesión das propiedades onde hoxe se ubica o camposanto das Campeiras no 1924 (Cf. Enrique Rivera Rouco, Los cementerios de As Pontes, en revista das Festas do Carme 1994, 67-68 pp). En torno á parroquia tiveron moita importancia as sociedades femininas (en preparación un artigo sobre todas elas para AMIGUS). Dona Rita participou na “Asociación de Fillas de María”, no “Apostolado da Oración”, e na “Acción Católica Feminina”. No ano 1880 aparece entre as nenas que formaban o segundo coro da “Asociación de Fillas de María”. Entre 1921 e 1930 aparece como tesoureira do Apostolado da Oración (Cf. Arquivo Parroquial, libretas do Apostolado da Oración, das Fillas de María e da Acción Católica).
Estas son as obras escultóricas máis salientables do século XX. Quedaría por citar a imaxe da Purísima, da que non temos datos no arquivo parroquial. Só pola memoria oral suponemos que provén de Toledo e habería que datala entre 1920 e 1940. Aínda que o camarín que se atopa onda ela pon que foi doada por Remigio Vivero Vilasuso e Sra., refírese á Virxe de Lourdes (na actualidade en Pontoibo), pois a imaxe da Purísima estivo nun retablo desaparecido que se ubicaba na columna do Evanxeo, facendo parella con outro retablo que contiña á Virxe do Rosario”.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios